xoves, 13 de setembro de 2018

Estadía na Universidade de Santiago de Antonio Vila Nadal

Foi Antonio Vila Nadal un dos máis estraños fotógrafos con estudio fixo en Compostela. Non conservamos fotos de estudio ao seu nome. Tampouco semella que tivese un grande éxito. Ao seu gabinete chamouno “La Catalana” e podería ter sido completamente esquecido de non ser por unhas poucas novas contidas na prensa da época. Así o explicamos na súa biografía en “As orixes da fotografía en Galicia” (Consorcio de Santiago / Alvarellos Editora, 2018).

Porén, sendo honestos, non lle podemos reprochar nada posto que Vila realmente foi un alma inqueda, pendente sempre dos avances científicos. A fotografía foi para el unha arma máis empregada no progreso das ciencias e no melloramento da ensinanza. E isto último é o que o trouxo a Compostela.

A familia Vila-Coro con Antonio Vila,
arriba no medio, anos 30 (Galeria de Metges Catalans)

Chegada á Universidade de Santiago


Vila Nadal foi nomeado axudante da cátedra de Historia Natural na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago en xaneiro de 1886. Sucedeu un tempo despois de casar coa galega Rosa Coro Gómez (Piornedo, Cervantes, 1863 Barcelona, 1934), á que coñeceu sendo moi novo tras chegar ela á capital catalá para servir e á que instruíu como un moderno Pigmalión (Vila-Coro, 2018). Foi Santiago o seu primeiro destino, meses despois de rematar a carreira, e semella que na súa primeira etapa compostelá debeu residir só na cidade durante moito tempo, posto que os fillos foron nacendo nesta época en Barcelona e non en Santiago, como sucedeu en 1889 co seu fillo Eugenio. Entrementres obtivo en decembro o doutorado na Universidade Central, o que daquela tiña o monopolio da súa emisión na universidade española. Desde 1890 impartiu interinamente a materia de Zooloxía, por traslado do titular, ademais das de Mineraloxía e Botánica, o que deu pulo ás excursións con alumnos, especialmente á costa, dando relevo á bioloxía mariña.

Rosa Coro Gómez  (josemariavilacoro.com)

Como diciamos, Vila puxo en práctica pronto as ensinanzas recibidas e involucrouse en iniciativas que entendeu de progreso científico para Galicia. En marzo do mesmo ano de 1886 principiou a súa primeira cruzada: a do ramio, influída sen dúbida pola dedicación familiar á industrial téxtil. O ramio é unha planta de cuxos talos se obtén unha fibra semellante ao liño, aínda que máis basta e menos elástica, polo que adoita ser mesturada con outras teas. Ademais o ramio pode empregarse como forraxe, polo que tiña un interese engadido para Galicia debido á súa extensa cabana gandeira. Vila, a través do Instituto de Fomento do Traballo Nacional de Barcelona, trouxo mil gallos que distribuíu á Sociedade Económica, ao Xardín Botánico de Santiago, á Deputación provincial da Coruña e a dúas plantacións próximas a Santiago que semella conseguiron adaptarse á tempestuosa climatoloxía local. Na primeira destas institucións, a Económica, ingresou Vila Nadal, empregando a súa revista eventualmente como voceiro dos seus experimentos e participando nos certames que organizaba, como o Congreso de Agricultura e Pesca (xullo de 1886). E, por outra banda, a finais de 1901 obtivo a confianza para dirixir o Xardín botánico compostelán.

Póla de ramio (Boehmeria nivea)
(“Flora de Filipinas [...] Gran edición [...] [Atlas II]”,
de Francisco Manuel Blanco, ca. 1880; lámina 385)

Proxectos científicos


Entre os seus proxectos destacou desde un principio a súa aposta pola construción de acuarios como espazos de propaganda da bioloxía mariña e de experimentación para a acuicultura. Tentouno en Barcelona (1888) e na Coruña (1890), e igualmente resultaron frustrados os mesmos proxectos en Madrid e Santiago (1892), sufrindo grandes perdas económicas nesta cidade por mor de «grandes deterioros no local» no que ía ter lugar, ao carón da Alameda. Recriminou a falla de «apoio do elemento oficial para chegar á realización de tan plausible como necesario pensamento», reproches que foron unha constante ao longo da súa estadía en Compostela.

Aquarium da Exposición Universal
de Barcelona de 1888, obra de Vila Nadal 
(La Ilustración Ibérica, de Barcelona, de 13/10/1888; BNE)
Pronto entendeu que precisaba dun voceiro para enmarcar as súas ideas e embarcouse en consecutivos proxectos editoriais, que remataron por danar irremediablemente a súa economía. Así editou La Revista de Ciencias Naturales (xaneiro de 1887 ― xaneiro de 1888), na que expuxo o evolucionismo darwinista; en segundo lugar, La Ilustración Naturalista (maio 1893); e, finalmente, o seu proxecto editorial de maior envergadura, La Propaganda Científica, que tivo varias etapas: a primeira en Santiago (10/02/1897 ― 10/10/1900), a segunda igualmente en Santiago (03/04/1903 ― marzo 1904) e a terceira en Salamanca (06/12/1906 ― marzo 1911), na que presentou o seu proxecto de “ambulancias científicas” consistentes en levar a Ciencia a lugares aos que normalmente non chegaban este tipo de iniciativas culturais (Fraga, 2013). Cómpre informar que deu de alta na Matrícula Industrial de Santiago en xaneiro de 1903 o negocio de imprenta, co que editaba La Propaganda Científica e outros opúsculos. Contaba cunha máquina tipográfica e outra de confección de tarxetas, así como un negocio de papelería que ficaron case todo o ano no domicilio familiar na rúa do Franco número 30 e que, case chegado 1904, pasou ao número 7 do Toural. Chamouno “Tipografía de La Propaganda Científica”.

Cabeceira do número 1 de La Propaganda Científica,
de 10/02/1897 (Galiciana)

Loitou tamén por un vangardista proxecto denominado, consecutivamente, Laboratorio Biolóxico de Galicia (fundamentalmente a partir de 1888, aínda que xa á súa chegada a Santiago expresara este desexo no congreso que sobre agricultura e pesca se celebrou), Escola de Piscicultura de Carril (1891) e Estación Zoolóxica da Ría de Arousa (1892). En setembro de 1900 viu por fin como se colocaba a primeira pedra da Estación Biolóxica de Mariña da Ría de Arousa en Carril, evento do que o calígrafo e fotógrafo compostelán Carlos Quintela Naya elaborou un fermoso pergamiño. Porén, a Estación Biolóxica ficou en proxecto, non chegando nunca a rematarse.

La Propaganda Científica, de 06/08/1903 (Galiciana)

A marcha de Compostela


Vila Nadal tentou mellorar profesionalmente as súas condicións económicas polo que xa en 1895 presentou a súa candidatura a unha cátedra de instituto estremeña, que non obtivo. A acumulación da carga lectiva que sufría puido ser outro motivo que lle animara a facelo. Así, por exemplo, en 1896 daba clases na Facultade de Medicina de Química, de Mineraloxía e Botánica, e de Zooloxía, solapándose incriblemente en ocasións as materias. En 1897 opositou a senllas cátedras na Universidade Central e no Instituto de Zamora, mesmo foi proposto para outra auxiliaría vacante na Universidade de Oviedo. Finalmente, en febreiro de 1899 optou á cátedra de Historia Natural na Universidade de Granada, que obtivo en marzo, polo que marchou de Santiago ao mes seguinte, tomando posesión en Granada o 26 de abril. Non obstante, isto non significou que Vila se esquecera dos proxectos que puxera en marcha en Galicia, polo que regularmente estaba de visita en Santiago. E en febreiro de 1899 obtivo por fin en propiedade, por permuta, a ansiada cátedra de Historia Natural na Universidade compostelá polo que regresou á súa segunda terra. Mesmo apenas catro anos despois tivo a honra de facer o discurso inaugural do curso 1903-04, no que suplicou en balde polo seu proxecto da Estación Biolóxica de Carril (Fraga, 2013). Decepcións como esta, mais tamén os devanditos problemas económicos e xudiciais, animárono a abandonar definitivamente Compostela e aceptar a cátedra de Mineraloxía e Botánica na Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca en agosto de 1904.


Bibliografía secundaria:
BARREIRO FERNÁNDEZ, Xosé Ramón (2002): “Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Volume II: O século XIX”. Santiago: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico Campus universitario sur / USC; 588 páxinas. Isbn 84-9750-000-8.
FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (2013): “Antonio Vila Nadal”, en Álbum da Ciencia (culturagalega.org). Consello da Cultura Galega.
DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, Francisco (2016): “As revistas galegas e a divulgación científica (1838 – 1936)”, dentro de “Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia”. Santiago: Consello da Cultura Galega; páxinas 39 a 66.
VILA DE VICENTE, Sergi (2016): “Antecedentes de la divulgación científica española”, no blog Divulgador Herbívoro. Blog de ciencia y comunicación científica, do 21/12/2016.
VILA-CORO BARRACHINA, José María (2018): web José María Vila-Coro y familia

Ningún comentario:

Publicar un comentario