sábado, 30 de xaneiro de 2021

A fotografía fotografada (Os Grinda I)

 

“Dª María del Carmen Grinda, de García Palencia”,
fotografía cabinet do fondo García-Grinda.
Copia feita en 1892 no estudio Valleto y Cª (México D.F.)
dun daguerrotipo orixinal feito en Cádiz
(arquivo Carlos Castelao)

Vaia por diante que este artigo sáese un pouco do acostumado. Quixen esta vez reflexionar sobre a práctica fotográfica de recuperar vellas fotos a través de tirar novas instantáneas delas (re-fotografía, poderíamos denominala) e aproveitar a facer un pouco de historia non-galega valéndome duns exemplares que teño no meu arquivo.

Comezo por lembrar que a mellora dos procedementos fotográficos a mediados do século XIX, especialmente coa chegada do colodión húmido e a explosión que supuxo a moda das cartes-de-visite (CdV), foron deixando ao procedemento que coñecemos como daguerrotipo como algo puramente testemuñal. Ao seu elevado custo engadíaselle unha característica que desanimaba o seu emprego por parte do gran público. Esta característica é o feito de que este procedemento fotográfico non permitía facer copias: era positivado directamente sobre a placa.

Aínda por riba había que ter moito coidado para conservar estas pezas en óptimas condicións e que non se degradasen. Era lamentable facer unha inversión semellante para non ter sequera a garantía de manter a peza cun aspecto razoable durante toda a vida. En Galicia a sempiterna humidade é un inimigo implacable do daguerrotipo. Se, ademais, lle engadimos o feito de que non deberon ser tiradas moitas fotos con esta técnica, temos unha explicación á nimia existencia de daguerrotipos na nosa comunidade.

Dama nun daguerrotipo probablemente feito en Pensilvania (E.U.A.),
contra 1855. Efecto positivo / negativo
(arquivo Carlos Castelao)

Oficialmente, o primeiro daguerrotipo tirado en Galicia foi realizado na Coruña o día 6 de maio de 18431. Foi obra de Henri Luard Falconier. Lamentablemente, desta fotografía non quedou pegada algunha. Non obstante, si que sabemos da existencia doutros daguerrotipos galegos e, o que é máis importante, do seu contido. Cómo é isto? Pois, a través de copias artísticas que se fixeron en forma de gravados.

Así por exemplo, un coñecido gravado impreso en Lausana (Suíza) dunha vista da Coruña desde o Alto de San Diego, declaraba no seu título que fora feita a partir dun daguerrotipo orixinal tomado polo propio Luard, probablemente no mesmo ano de 1843, senón antes. Esta imaxe ten a particularidade de que está interpretada; é dicir, engadíuselle á baía coruñesa unha chea de naves e botes que, con seguridade, non estaban en tanta profusión no orixinal. Isto era algo moi habitual en toda Europa: os gravados, como a pintura, idealizaban o retratado, aínda que se basease nunha fotografía.

Vista da Coruña. Tomada desde a altura de Sn Diego”, gravado de 1843
feito por Spangler et Cíe. (Lausana), baseado nun daguerrotipo de Luard
(Arquivo da Universidade da Coruña)

Os primeiros libros que contaron con gravados (normalmente á augatinta) inspirados en daguerrotipos orixinais, viron como as rúas e as prazas das cidades que representaban se enchían de persoas que na fotografía non estaban. Respondía ao gusto da época: non quedaba ben presentar grandes espazos urbanos baleiros2.

Porén, ben pronto xurdiu a necesidade de reproducir con exactitude a imaxe plasmada nun daguerrotipo, xa fose por procurar copias a outras persoas (da familia, por exemplo) ou por cuestións de conservación debido á paulatina degradación do orixinal. Así que non é de estrañar que ao longo do século XIX e, especialmente, nos anos previos e posteriores ao cambio de século, encontremos fotografías de estudio que son reproducións de antigos daguerrotipos familiares.

Teresa de Castro Abadía, nai de Rosalía de Castro, copia feita por Vicente Pérez Sierra
contra 1864. Á dereita detalle do ollo no que se aprecian rugosidades da impresión
(Fundación Rosalía de Castro, Padrón, agradecido polo permiso de reprodución)

Debo confesar que son escasísimos os casos que teño visto de copias das máis antigas fotografías feitas en Galicia, incluídos os daguerrotipos. Ademais, é moi posible que, de telas visto, non me decatase de que o eran, salvo que unha reveladora nota manuscrita o declarase. Teño sospeitas, iso si, para varios exemplares. Por exemplo, é o caso da única foto coñecida da nai de Rosalía de Castro, a que representa a Teresa de Castro Abadía3. É unha copia feita en albumina a mediados dos anos 60 polo fotógrafo zamorano Vicente Pérez Sierra, cuñado do tamén fotógrafo Encausse.

Ao analizar a fotografía de Teresa de Castro, hai de ter varias cousas en conta:

·         primeiro, que Teresa faleceu en Santiago o 24 de xuño de 1862

·         segundo, que Vicente Pérez Sierra non debeu ter actividade en Compostela antes de 1864

·         e, por último, que a imaxe parece cortada pola súa parte esquerda e inferior (o normal era que o retratado o fose de corpo enteiro e non, como aquí, só parcialmente)

Segundo estas premisas, a conclusión á que cheguei é que esta tiña que ser unha copia feita dunha fotografía anterior. Talvez un daguerrotipo? Si, é posible. Mais tamén cómpre ter en conta que no detalle podemos ver unha serie de defectos recollidos pola propia copia de Pérez Sierra. Semella ter moitas grechas, como se fosen as fibras do papel da imaxe orixinal. Isto último fíxome lembrar que a técnica do talbotipo (tamén chamado calotipo) se baseaba no paso de negativo en papel a positivo en papel, o que irremediablemente provocaba unha mingua na calidade da imaxe, xa que as fibras que forman o papel a afectaban dobremente. Así que é posible que o orixinal non fose exactamente un daguerrotipo. En todo caso, ilustra o costume de fotografar fotografías directamente do positivo orixinal.


Un exemplo mexicano de daguerrotipo fotografado

Velaquí que a imaxe que inicia este artigo é representativa de todo o que estou dicindo. Non é galega, ben é certo, pero pode ilustrar a circunstancia que estou explicando e, polo tanto, animar aos afeccionados e posuidores deste tipo de imaxes a estar atentos.

Trátase, por tamaño, dunha tarxeta americana (ou cabinet), de 163 x 108 mm, asinada polo estudio mexicano de Valleto & Cía. Xunto a esta fotografía o vendedor puxo algunhas outras á venda que deberon pertencer á mesma colección ou álbum familiar. A meirande parte son mexicanas, pero están conectadas cun feixe de cartóns andaluces, sobre todo gaditanos. Cruzando datos, cheguei a determinar que o propietario destas imaxes a principios do século XX tiña sido o gaditano Amado García-Grinda Bourlié, polo que comecei a chamar a este conxunto como Fondo García-Grinda.

O cartón que dá comezo a este artigo foi realizado, como dicía, polo estudio de Valleto y Cª, talvez o máis importante de finais de século en Cidade de México4. Estaba composto pola sociedade dos irmáns Julio, Guillermo e Ricardo Valleto Herrera5. Eran fillos dun actor e empresario zamorano que emigrou a América en 18276. No momento de facerse a copia fotográfica tiñan o seu estudio no número 14 da rúa 1ª de San Francisco, que no presente é a rúa Madero. Dada a súa orixe española, os Valleto eran moi populares entre a colonia deste país, así que é relativamente frecuente atopar exemplos da súa obra entre os álbums familiares da península ibérica.

O reverso do cartón, ademais de mostrar a sinatura litografada do fotógrafo, contén unha nota manuscrita que di o seguinte: 

«María del Carmen Grinda de García Palencia, sacado de un daguerrotipo en Méjico en 22 de Mayo de 1892, recuerdo que te envía tu hermano.

[sinatura] Rafael G. Grinda

Sr Dr Amado García Bourlié y Grinda de San Martín»

Reverso manuscrito do estudio Valleto y Cª correspondente á
fotografía de María del Carmen Grinda
(arquivo Carlos Castelao)

Como antes sinalaba, hai outros cartóns deste fondo, varios deles tamén realizados por Valleto, que conteñen dedicatorias como estas: 

«A mi muy querido hermano Amado, como recuerdo del gran cariño que le profeso, y mientras la providencia determina, que vaya á darle un fuerte abrazo y á toda su familia. México, Stre. 2/92. [sinatura] Rafael G. Grinda» (cartón de Valleto & Cª) 

«A mi querido tío Amado y familia. [sinatura] Salvador Grinda y Lizarraraz. México, Sebre. 2 1892» (cartón de Valleto & Cª) 

«A mis queridos tíos Amado y Eloísa, en prueba del cariño. [sinatura] Carmen G. Grinda. México, Noviembre 8 de 1892» (cartón de Valleto & Cª) 

«Antonio Gómez-Pérez y Grinda de un año y medio. Enero de 1909. México. MEX» (cartón de Adalberto M. Maya) 

«Mis hijos Francisco, Carmen y Antonio de Gómez-Pérez. México, julio 31 del 911. [remitido a] Sr Dr Dn Amado García Bourlié y familia. Cádiz. España» (nunha fotopostal anónima) 

Pero, quen eran os irmáns Rafael e Amado García-Grinda Bourlié? 

A resposta a esta cuestión vouna deixar para unha nova entrada, que estará lista en breve.


Notas:
1.      Digo que oficialmente sucedeu en 1843 porque, a finais deste pasado ano 2020, os comisarios e autores do catálogo da extraordinaria exposición “Miradas inalterabeis, a fotografía deretrato do século XIX na Coruña” (Arquivo Municipal da Coruña), Mariola Suárez Rodríguez e Jaime Oíza Galán, puideron adiantar a data da chegada da fotografía ao noso país até, polo menos, 1841. É dicir, que Galicia xa contou con fotografía apenas pouco máis dun ano despois de ter chegado esta nova tecnoloxía a España a finais do ano fundacional, 1839.
2.      Pensemos que isto sucedeu non só cos daguerrotipos, senón tamén coas albuminas de Andrés Cisneros, por exemplo, tal e como podemos ver nalgunha das reproducións que De la Rada fixo en 1860 da súa obra. A propósito disto, proximamente publicarei un novo traballo sobre descoñecidas fotografías de Cisneros nas que se basearon outros gravados.
3.      Véxase a páxina 116 d’As orixes da fotografía en Galicia...
4.      Para abondar nas biografías destes fotógrafos recomendo o estudo monográfico que sobre estes fotógrafos escribiu Claudia Negrete Álvarez: “Valleto hermanos. Fotógrafos mexicanos de entresiglos” (México D.F.: Universidad Nacional Autónoma de México, Instituto de Investigaciones Estéticas, 2006; ISBN 970-32-3164-0).
5.      Os nomes completos dos irmáns Valleto, que naceron todos na Cidade de México, foron Julio Lamberto (15/04/1840 ― México, 29/01/1919), Guillermo Mauro (21/11/1841 ― México, 05/03/1910) e Ricardo Mónico (04/05/1847 ― México, 28/07/1911). De Julio podemos dicir que foi o primeiro en introducirse na fotografía de todos eles, ademais de dedicarse á litografía. Foi quen levo o liderado do negocio. Pola súa banda, Guillermo foi o único que non casou e estivo moi involucrado na política de Porfirio Díaz, chegando a ser rexedor da capital mexicana polo seu partido. Por fin, Ricardo, como os seus irmáns, viaxou a Europa e Estados Unidos para perfeccionar a súa técnica fotográfica en estudios de prestixio.
6.      A nai, Teresa Herrera Rosas (Veracruz, 1818 México, 17/07/1871), era filla dun malacitano e dunha veracrucense. Casou con Miguel Valleto Sánchez (1808 ― ca. 1881, México) precisamente na igrexa da Asunción de Veracruz o 30 de decembro de 1836 e tiveron tres fillos e tres fillas, sendo Julio o maior.