Amosando publicacións coa etiqueta Ourense. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ourense. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de maio de 2019

Publicación en Raigame: “Luis Casado en Ourense”


Cuns meses de retraso, deu por fin comezo a distribución do número 42 de Raigame (revista de arte, cultura e tradicións populares), publicación debida ao Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.

É este un número especialmente dedicado á fotografía da nosa terra, que conta con artigos de Xosé Sierra, César Llana, Rafael Salgado, Nieves Amado, Antonio Piñeiro, Xosé Manoel Rodríguez, Gustavo Docampo, Alexander de los Ríos e Edelmiro Martínez, ademais do que eu mesmo presento e leva por título “Luis Casado en Ourense”.

Neste artigo pretendín dar unha achega á relación que Ksado mantivo coa cidade das Burgas e, sobre todo, tentei biografar os seus primeiros anos de formación antes de establecerse en Santiago. O seu devir profesional forxouse nese tempo e explica en boa medida cuestións de estilo e decisións que marcaron a súa vida.

Velaquí deixo as primeiras liñas do escrito, que espero que sexa do voso interés. Só dicirvos que a revista Raigame é de distribución gratuíta previa subscrición no seu correo electrónico (ccpraigamepublicacions@depourense.es).





«Ao longo da historia da fotografía en Galicia contamos cun feixe de nomes que ficaron gravados na memoria das diferentes xeracións de galegos. Sería ocioso aquí mencionar as decenas daqueles que máis renome tiveron en cada unha das vilas e cidades do noso país. Temos aos Zagala, Jaime Pacheco, Caamaño, Avrillon, Sellier, Mora, Bordoy e tantos e tantos outros.

En Ourense a pioneira e imprescindible obra de Rafael Ángel Salgado titulada “Achegamento á historia da fotografía en Ourense (1856-1940)” fai unha extensa relación dos profesionais que exerceron nesta cidade. José e Augusto Pacheco, Vales, Montenegro, Pedro Varela, Prieto, José Gil, Samaniego, Schreck e Vilar son algúns dos imprescindibles nomes que Salgado biografía detalladamente. Para moitos deles era a primeira vez que se lles facía xustiza lembrando o seu labor como fotógrafos.

Dentro da obra que publicada sobre a historia da fotografía en Santiago de Compostela ("As orixes da fotografía en Galicia") constatamos a existencia de varios fotógrafos que ao longo do século XIX mantiveron relación tanto con Santiago como con Ourense, xa fose como fotógrafos ou debido a outras vicisitudes vitais. O primeiro foi Carlos Santos García Vizcaíno, a quen seguiron outros como María Cardarelly, os irmáns Bocconi, Manuel Chicharro, Jesús Varela, Ricardo Otero, Hermógenes Garitaonandía ou os Ocaña.
Plaza del Mercado Chico, de Ávila,
lugar de nacemento (X) de Luis Casado en 1887,
segundo postal ca. 1920 de Luciano Roisin (col. ppia.)

Porén, destaca nesa conexión Santiago/Ourense no mundo da fotografía un nome por riba de todos, o de Luis Casado, quen ao se establecer en Compostela mudou o seu nome de guerra polo de Ksado, co que é amplamente coñecido. A figura de Ksado é para Santiago só comparable, pola súa influencia e extensión no tempo, á doutras dúas que marcaron o devir profesional da cidade: a de Juan Palmeiro (durante o terceiro cuarto do século XIX) e a de Manuel Chicharro (durante o derradeiro cuarto do mesmo século e a primeira década do XX). Xuntos os tres formaron a Grande Tríade da fotografía compostelá e mantiveron unha liña de traballo que pode cualificarse como continuísta no compositivo. Todos eles dedicáronse á fotografía por unha razón alimentista, dela viña o seu sustento. Non actuaban como artistas, senón como profesionais. Pero é o gusto da sociedade compostelá por un determinado xeito de retratarse o que os leva a manter unha estilística compositiva similar. Pódese por iso falar dunha escola fotográfica compostelá? Na nosa opinión, non, porque o certo é que o seu estilo é o preponderante en todo o país. Non obstante, os que traballaron en Compostela se mostraron especialmente rigoristas neste aspecto.

Ksado adoptou precisamente o hieratismo dos seus antecesores, como o propio do país. Pero, foi quen de aplicarlle uns elementos técnicos e estilísticos que fixeron del o fotógrafo que hoxe admiramos. Especialmente recolleu a tradición pictorialista, que chegou tarde a España, e empregouna no seu proveito para crear a nova fotografía galega.

Non toda a súa obra mantivo o mesmo estilo. Isto é obvio. Ao longo dunha vida todos mudamos, todos experimentamos, todos temos momentos mellores e peores, todos temos máis ou menos tempo para ser máis ou menos perfeccionistas. E no caso de Ksado é algo totalmente aplicable. Como traballador incansable, inquieto e aberto as 24 horas do día ás novidades, foi quen de crear unha obra inmensa. Segundo el mesmo afirmaba, tiña tiradas máis de millón e medio de placas ao longo da súa vida, e isto dicíao nos anos 60, unha década antes de falecer.

Porén, a pesar da constante presenza da obra de Ksado nos nosos días cando se bota unha ollada ás imaxes do pasado no noso país, hai aínda moitos interrogantes que se poden abrir sobre a súa biografía. Mais, quixera neste espazo afondar non no Ksado das Estampas de Galicia, aquel que repartía o seu tempo entre Santiago e Vigo, ou que con Signo se lanzou a percorrer a xeografía galega, senón a aquel que antes de ser Ksado foi Luis Casado, a aquel rapaz que a principios dun verán de 1894 chegou ás beiras do Miño e mirou por vez primeira á cidade que o forxou».
Claustro de San Francisco, por Ksado
(Vida Gallega, do 20/08/1929, p. 17; Galiciana)

xoves, 13 de setembro de 2018

Tipoloxías de Carlos García

Pinchando na imaxe accédese á información:
https://drive.google.com/file/d/1b8nbAISfd2qjcai6XsWY-1DBhUUbFMJ4/view?usp=sharing

Luis Hermida: unha vida no Exército


 
Despois de tratar a biografía deste singular fotógrafo no libro “As orixes da fotografía en Galicia” (Consorcio de Santiago / Alvarellos Editora, 2018), deixamos o desenvolvemento do relato final da súa vida neste espazo.

Na antedita publicación explicamos que foi a súa nai, Juana Cabello, quen o guiou pola profesión fotográfica e fixo del o único neno-fotógrafo con estudio propio do que temos coñecemento. Tras a morte desta, foi o seu pai, Andrés Hermida, quen continuou apostando pola fotografía durante uns poucos anos máis coa escusa da elaboración dun misterioso álbum dos monumentos de Galicia.

Finalmente, o pai, Andrés, volveu servir no Exército despois dunha longa licenza1.


Unha nova profesión

Durante a súa xuventude, Luis Hermida seguiu os pasos do seu pai polos diferentes destinos que lle foron dando. Estiveron uns anos en Lugo e, cando tiveron que pasar a Monforte de Lemos, en xullo de 1892, a súa irmá Emilia xa non os acompañou porque casou co xastre local Andrés García-del Real Andrés2.

Tras Monforte trasladáronse en outubro do mesmo ano a Pontevedra. Poucos meses despois, en febreiro de 1893, Andrés Hermida pediu e obtivo unha nova licenza, nesta ocasión para residir na parroquia ourensá de Canedo. Descoñecemos que vencello puido manter con esta localidade, que estaba tan lonxe da cidade a cuxo cuartel estaba adscrito. Esta situación resultaba absurdamente incómoda e o certo é que en setembro do mesmo ano foi destinado ao Rexemento de Infantaría de Reserva de Ourense nº 59, a pouco máis de vinte quilómetros de Canedo.

Andrés Hermina apenas prestou os seus servizos na cidade das Burgas durante un ano. Residía aquí cos seus fillos menores de idade, Luis e Leopoldo, cando nunha viaxe a Xinzo de Limia faleceu o 16 de setembro de 1894 por varíola.

Os anos seguintes foron dun certo desamparo para os irmáns Hermida. Incluso a pensión da Sociedade de Socorros Mutuos da Arma de Infantaría, á que tiñan dereito como herdeiros seus, non comezou a ser tramitada ata mediados de 18973Entendemos que Luis se dedicou a outras ocupacións ou a formarse ata que en agosto de 1895, cumpridos os 18 anos, puido ingresar tamén no Exército4, sendo Lugo (onde residía a súa irmá Emilia) o seu primeiro destino. En febreiro de 1896 foi mobilizado no 1º Batallón Expedicionario a Cuba, mentres o seu irmán Leopoldo era soldado en Porto Rico.

A súa participación na Guerra de Cuba reportoulle un rápido ascenso na escala. O seu rexemento, o de Luzón (logo chamado de Isabel La Católica) nº 54, participou en diversas accións de combate, o que lle valeu en decembro de 1897 o ascenso a tenente 2º. Coa derrota, volveu desde Cienfuegos a Vigo en febreiro de 1899, sendo destinado a Lugo. Aquí casou o 10 de xullo do mesmo ano coa luguesa Teresa Fernández Capón5. Teresa era só uns meses máis nova que o seu marido. Naceu o 26 de maio de 18776 e era filla dun propietario malacitano, chamado Joaquín Fernández Hurtado, e dunha luguesa, chamada Dolores Capón Andrés.

Continuou nos seguintes anos residindo en Lugo, onde naceron os seus dous fillos. Así en 1900, naceu o primoxénito, Luis Hermida Fernández, e o 4 de maio de 1901 o segundo fillo, Joaquín. Por outra banda, Luis foi destinado en 1903 a Logroño, onde vivía o seu medio irmán Leopoldo. Ao recibir en 1906 o grao de tenente 1º foi trasladado a Santander e en 1913 a Pamplona, acadando aquí dous anos despois o grao de capitán.


Unha traxedia africana

O seu segundo fillo, Joaquín, decidiu, como o pai e o avó, facer a carreira militar e, en 1918, ingresou na Academia Militar. Xunto destas liñas temos unha imaxe tomada en Ceuta deste fillo de Luis Hermida polo fotógrafo local José Calatayud

Joaquín Hermida Fernández, polo fotógrafo José Calatayud Aznar.
Ceuta, 1924. Blanco y Negro, do 12/10/1924, p. 22 (col. ppia.)

Como sabemos, desde 1911 estábase desenvolvéndose no norte de África a chamada Guerra do Rif e, loxicamente, Joaquín Hermida foi alí destinado co grao de tenente do Terzo. Por desgraza, atopou a morte no Combate de Zinat, preto de Tetuán, a principios de 1924, cando apenas contaba 22 anos. Nesta imaxe que publicamos a continuación podemos ver o lugar onde isto aconteceu.

Fortificacións españolas en Zinat, onde Joaquín Hermida morreu,
polo fotógrafo Ángel Rubio en 1924.
Blanco y Negro, do 12/10/1924, p. 23 (col. ppia.)

Os anos seguintes pasaron para Luis Hermida e a súa muller en Santander, onde foi trasladado en agosto de 1919, ata que con 54 anos, coa chegada da República en 1931, formou parte dese continxente de militares que foi xubilado. Fíxoo co grao de comandante.

Poucas semanas antes do golpe de estado de Francisco Franco, en abril de 1936, recibiu a placa da Orde de San Hermenexildo7. Esta é a última nova que temos de Luis Hermida. Debeu falecer pouco antes ou pouco despois de rematar a guerra, probablemente na capital cántabra. A súa viúva recibiría a pensión correspondente desde 19408.

Aquí remata a historia do neno-fotógrafo, que fixo profesión naqueles oficios que lle marcaron os seus pais: a fotografía pola parte da súa nai, e a milicia, pola do seu pai. A pesar de non poder aínda valorar axeitadamente a calidade da súa obra fotográfica, si que podemos marabillarnos co periplo da súa infancia. Como no caso de María Cardarelly, podemos falar dun novo lóstrego que bateu a fotografía compostelá e que desapareceu sen deixar a pegada do seu brillo na nosa cidade.


Notas:
1. Moitas das informacións biográficas de Andrés Hermida Soto están extraídas da súa folla de servizos (“Arma de Infantería. Batallón de Depósito de Santiago Número 62”, Archivo General Militar de Segovia, sección 1ª, cartafol E-594).
2. Sobre a descendencia de Emilia Hermida e Andrés García-del Real recomendo a consulta da páxina web que Federico García-del Real desenvolveu sobre o seu apelido familiar.
3. Boletín Oficial de la Provincia de Orense (12/05/1897, p. 4).
4. Como no caso do pai, a partir deste momento moitas das informacións biográficas de Luis Hermida Cabello están extraídas da súa correspondente folla de servizos (“Distrito Militar de la Isla de Cuba. 1er Batallón del Regimto Ynfanta Luzón nº 54. Hoja de servicios del 2º Teniente Don Luis Hermida Cabello”, Archivo General Militar de Segovia, sección 1ª, cartafol E-504).
5. El Eco de Santiago (13/07/1899, p. 1).
6. “Registro Civil de Lugo. Matrimonios. Año 1899" (Rexistro Civil de Lugo, tomo 24, páxina 136, sección 2ª, nº 4979).
7. Diario Oficial del Ministerio de la Guerra (29/04/1936, p. 234).
8. Boletín Oficial del Estado (02/04/1940, p. 2252).