Crego con
chapeu de tella, por Juana Cabello, 1884
(arquivo Carlos Castelao)
Quen
foi Juana Cabello?
É tan escasa a obra coñecida de
Juana Cabello que, cada vez que aparece unha nova fotografía saída do seu
estudio, hai que celebralo.
Pero, máis dun estarase a
preguntar agora quen é Juana Cabello Samitier (Zagagoza, 1846 ― Santiago?, 30/08/1885). Pois, dando resposta, cómpre sinalar que é unha
das primeiras fotógrafas en Galicia con estudio propio e a segunda que o tivo
en Compostela, tras María Cardarelly.
A súa biografía foi desenvolvida
no libro As orixes da fotografía en Galicia1, e só quero insistir en que foi nai do famoso
neno-fotógrafo, Luis Hermida Cabello, quen abriu coa axuda dela un estudio ao
seu nome en febreiro de 1885, cando apenas contaba oito anos de idade.
Porén, antes de ser mentora do
seu fillo na profesión de fotógrafo, Juana tivo durante un curtísimo espazo de
tempo (meses seica) un estudio no baixo da vivenda familiar na santiaguesa rúa
do Franco 8, ao longo do ano 1884. Este é, precisamente, o enderezo que aparece
no frontal do cartón que agora vemos. Porén, Juana non se puido manter máis
tempo á fronte do negocio, seica porque ser muller dificilmente lle permitía
naquel tempo ser respectada nunha profesión como esta. Así que deixou o choio
e, talvez, entrou a traballar no estudio de Manuel Palmeiro, antes de que este
morrera en decembro dese mesmo ano. Por fin, en xaneiro tomou o traspaso do negocio de
Palmeiro e, como dixen, abriuno ao nome do fillo.
Juana, co seu fillo Luis,
manexaron polo tanto o material fotográfico dos Palmeiro. Por este motivo,
suxírese n'As orixes da fotografía en
Galicia a posibilidade de que fose Juana autora da derradeira fotografía de Rosalía coa súa familia na Matanza, logo que Manuel Palmeiro xa estaba moi
enfermo cando se tomou a foto en setembro de 1884. Ademais, as copias desta
fotografía tiveron de facerse no tempo en que Luis Hermida/Juana Cabello tiñan
o estudio aberto entre abril e xullo de 1885.
Rosalía de Castro e Manuel Murguía cos seus fillos
na casa da Matanza en setembro de 1884, polo estudio de
Manuel Palmeiro (Fondo Manuel Murguía, arquivo da RAG)
Cantas fotografías feitas por ela se coñecen?
Considerando á parte esta imaxe
de Rosalía, pola dificultade da atribución, só coñeciamos dúas imaxes ata
agora. Unha delas correspóndese a un busto de muller cunha lenlla escura sobre cabeza e ombros, que foi publicada na obra citada. A outra está nunha
colección privada e publicámola, por vez primeira, aquí:
Busto de crego
con lentes, por Juana Cabello, 1884
(colección particular)
Como vemos é o busto dun crego
con lentes. Ámbalas dúas imaxes están montadas sobre cartón negro de cantos
biselados dourados e esquinas redondeadas, o modelo que estaba xusto de moda durante a
primeira metade dos anos 80 do XIX.
Pois ben, velaquí temos unha
terceira imaxe, que é a que inicia este artigo. É, novamente, un bochudo crego,
aínda que neste caso de corpo enteiro, co seu chapeu de tella pousado sobre
unha falsa varanda. Por certo, chama poderosamente a atención o xeito en que
ten postas as mans sobre o bandullo. Entre a lámina fotográfica e o cartón
negro, adiviñamos na parte superior os restos do veo protector co que a
fotografía debeu ser ofrecida ao retratado.
Notas:
1.
Castelao, Carlos (2018): “As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do XIX”.
Santiago: Alvarellos Editora / Consorcio de Santiago; páxinas 200-203. ISBN
978-84-16460-51-9.