Amosando publicacións coa etiqueta José Ogea. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta José Ogea. Amosar todas as publicacións

sábado, 25 de xaneiro de 2020

O fondo Santiago Guerrero

Santiago Guerrero retratado en maio de 1868 por Juan Palmeiro (detalle)
(arquivo Carlos Castelao)


Como dar cun álbum familiar galego?

Hai uns meses atopei á venda un bo número de fotografías de estudio que me chamaron a atención. Cando, como neste caso, aparece un feixe de cartóns composteláns da mesma época, sempre me pregunto se non pertencerán a un mesmo álbum familiar que un vendedor profesional acaba de obter e quéreos sacar todos xuntos. E, vaites!, comecei a atopar moitas concordancias entre a meirande parte das fotografías que o vendedor estaba a colgar nese preciso momento. Acababa de dar con outro álbum familiar galego. Porén, o vendedor procedía de Madrid, así que o máis probable era que aos actuais herdeiros chegara un álbum co que crían non gardaban xa grandes vencellos. Como é costume (desgrazadamente) teríanse desfeito del nunha tenda de antigüidades por un prezo moi inferior ao que logo, peza a peza, se vendería.

En resumo, puiden contar ata 71 pezas de fotografía de estudio elaboradas entre os primeiros anos da década dos 60 do século XIX ata principios dos anos 30 do XX. Entre tantas decenas de fotografías hai obra de fotógrafos como Eugenio Lanelongue, a compañía formada por Louis Sellier e Antonio Avrillon, José María González López, Manuel Teijeiro, Eugenio Mora (todos da Coruña), Juan Palmeiro, a Sociedad Fotográfica La Ambulancia-Norte, Luís Ksado (de Santiago), José María Otero, José María Sánchez, José Saliquet, Ulysse Ferrant (de Ferrol), Andrés Cabeiro, a Fotografía Artística de Francisco Llanos, Felipe Prosperi y Señora (de Vigo), José Gil (de Ourense), Constantino Rodríguez, a sociedade formada polo propio Rodríguez con Romay (de Lugo), Jean Laurent, Pedro Martínez de Hebert (de Madrid), Photographia Central-Oliveira, Photographia Alemã (Lisboa), Carlos Alberto, Carneiro Silva & Tavares (de Rio de Xaneiro), C.D. Fredericks & Cº, Esteban Mestre (A Habana), Fotografía Calle Cerro 21 e os Jouant Hermanos (Montevideo). Tamén hai un feixe de fotografías anónimas, moitas delas galegas.

A existencia de numerosos cartóns de procedencia americana e portuguesa nos álbums galegos do século XIX non é algo inhabitual. Baste repasar os contidos daquelas coleccións que alberga a Real Academia Galega para decatarnos disto. É algo lóxico se temos en conta as fortes relacións que se mantiñan coa emigración e mesmo con outros correspondentes cos que se mantiñan diferentes vencellos.

Por outra banda, confeso que, aínda hoxe, me custa moito entender como as persoas podemos chegar a desfacernos destes cachos de memoria que transcenden á nosa e nos vencellan ao pasado, ao noso propio pasado. «O álbum de fotografías da familia é a materialización, cargada de morriña, do tempo que pasa»1. Un conxunto de fotos non só representan parte do que somos como individuos, esa bagaxe invisible, senón que a súa contemplación nos une a unha serie de rostros que non coñecemos e nos permite dar un sentido á nosa historia particular, aínda que sexa creando imaxinarios non históricos. Por iso, hai fotografías que emocionan máis a uns que a outros. Son o punctum do que fala Roland Barthes, a frecha que se crava no berce das nosas máis íntimas emocións.

Por outra banda, ao mesmo tempo en que o vendedor madrileño poñía á venda estas pezas fotográficas, tamén o facía cun álbum baleiro. Este álbum podería ser precisamente o que contiña a colección. Velaquí unhas imaxes deste álbum tal como aparecía na web de venda.


Como podemos ver é unha peza de marroquinaría, de coiro repuxado, que na tapa ten un complicado debuxo con apliques dourados. Os cantos dos seus cortes están tamén dourados e o peche metálico ten unha figura modernista, común a finais do século XIX e principios do XX. O interior, que aquí non se representa, é a clásica colección de follas feitas de láminas de cartóns pegadas con ocos de diferentes tamaños para albergar diversos tipos de fotografías.


Como chamar un conxunto de fotografías?

Dixen que atopei moitas concordancias entre os cartóns. Si, así é. Moitas máis que noutros casos de fondos cos que dei. Eran varias as fotografías que contiñan dedicatorias dirixidas a un home en particular chamado Santiago Guerrero. Todas elas, ben é certo, sobre cartóns do período de 1860 a 1880. Así están as seguintes:
― “A mi querido amigo Santiago Guerrero. Benito Plá. Ocbre de 1863
A mi querido y simpático Santiago Guerrero. Antonio Fernández. Santiago, 2 Julio /64
― “Al Sr Dn Santiago Guerrero de su amiguita Isabel Mª Caamaño. 27 Mayo 1872
― “Dedicado á mi único hermano Santiago en prueba del acendrado cariño que le profesa el que lo es. Fabián
― “A mi único hermano se lo dedica su cariñoso Fabián
― “A mi amigo Santiago como recuerdo de mi sincera amistad. Dolores Royo
― “A mi mejor amigo Santiago Guerrero. Carolina Pimentel
― “A mi amigo Santiago Guerrero. Petra Agar
― “A D. Santiago Guerrero recuerdo de su amº. José López Freire
― “A nuestro amigo Santiago Guerrero. Las de Aspe
― “Lo dedica á su amiga Anita Guerrero. Luis de Aspe y Fullós
― “A su especial amigo Guerrero Montalbán

Incluso un dos cartóns contén unha curiosa autodedicatoria que di así:
― “Este retrato me lo dedico à mi mismo para que a nadie se le antoge [sic]. Santº 12 de Mayo de 1868. Santº Guerrero

Anverso e reverso de cartón do fotógrafo Juan Palmeiro
(nova tipoloxía non clasificada), asinado o 12 de maio de 1868
por Santiago Guerrero. De esquerda a dereita, Fabián e Santiago Guerrero
máis un descoñecido (arquivo Carlos Castelao)

A excepción dunha dedicada a Anita Guerrero, o resto refírense a un tal Santiago Guerrero, que era o seu irmán. Precisamente, este último cartón é unha albumina cuxa imaxe representa a tres persoas. No centro deles está Santiago Guerrero, cuxa vera icona é a que dá comezo a este artigo. Si, en efecto, era un sacerdote.

Cando máis adiante analice a biografía desta personaxe, decatarémonos de que moitas fotografías das 71 que numerei non se corresponden ao seu período vital e que, algunhas outras que si entran dentro del, teñen unha non tan obvia relación co clérigo, como sucede coas estranxeiras. Isto vén suxerir que houbo un núcleo inicial de fotografías pertencentes ao álbum privado de Santiago Guerrero que, posteriormente, pasou a formar parte (por herdanza, por lóxica) do doutra persoa, que non consigo identificar. Sexa como fose, a partir deste momento para min é o Fondo Santiago Guerrero.

Porén, agora cómpre falar un pouco deste señor que nos mira cos seus ollos orbitados de profundas olleiras. Na fotografía parece levantar a man para persignarse, ou quen sabe se para dicirmos algo. Quen foi, así pois, Santiago Guerrero?


Santiago Guerrero, unha biografía

Temos o seu nome completo, o que recibiu no bautismo. Era Santiago Valeriano Pablo Guerrero Vázquez-de Montalbán, aínda que seguiremos referíndonos a el só como Santiago Guerrero. Naceu na Coruña un 15 de xaneiro de 1838, na rúa das Tinaxas número 42, preto do Xardín de San Carlos, onde está o túmulo de Sir John Moore.

Con este apelido podemos imaxinar que as súas orixes estaban fóra de Galicia. En efecto, é así, aínda que só por parte de pai. Santiago Sabino Guerrero Montalbán (30/10/1809 prob. Betanzos, ca. 1883) procedía dunha familia acomodada da localidade manchega de Hinojoso del Marquesado (hoxe é Los Hinojosos, en Cuenca). Emigrou á Coruña na súa xuventude, onde casou cunha rapaza dunha familia de escribáns e procuradores chamada Juana Carmen Vázquez López (A Coruña, 1807 Betanzos, 05/06/1853)3. A familia, que estaba ben relacionada, tiña moitos notarios, escribáns, procuradores e escribentes entre os seus membros. Así que, case como parece lóxico, o pai de Santiago Guerrero terminou exercendo tamén de escribán de número, aínda que foi nos xulgados de Betanzos, vila á que se trasladou a familia sobre 1844.

Á súa chegada a Betanzos, a familia dos Guerrero Vázquez-de Montalbán estaba xa completa, non nacendo ningún outro membro na cidade do Mandeo. Contamos un total de seis irmáns para Santiago Guerrero: Ana, Fabián (que foi avogado), o primeiro Santiago de este nome, Pedro Francisco, Carlos Fernando e ,finalmente, Antonia Guerrero Vázquez4. Dos sete fillos só catro chegaron á idade adulta e deles só tres superaron os 40 anos de idade. Este é o motivo polo que Fabián lle dedicou sobre 1865 dúas fotografías nas que lle dicía que era o seu «único irmán» (enténdese que vivo nese momento).

Anverso e reverso de cartón dos fotógrafos Sellier et Avrillon,
na Coruña, ca 1865, con dedicatoria de Fabián Guerrero
ao seu irmán Santiago (arquivo Carlos Castelao)

A diferenza de Fabián, que como fillo maior se dedicou ás ciencias xurídicas nas que a familia estaba especializada, Santiago decidiuse por abrazar sobre 1860 o estado eclesiástico, cando contaba uns 22 anos de idade. Un dos seus primeiros sermóns deuno en Santiago na Pascua de 18635, probablemente mentres estaba estudando na Facultade de Teoloxía da Universidade Central de Madrid6. Obtivo o doutorado nesta universidade en febreiro de 1867, coa lectura de “Los adelantos científicos de todas las clases, y en especial de las ciencias modernas, comprueban la veracidad suma de los libros de Moisés7. Anos despois, en novembro de 1881, engadiu a este o grao de licenciado en Dereito Civil e Canónico pola USC.

Case inmediatamente, Santiago Guerrero estableceuse definitivamente en Santiago, onde o 2 de maio dese ano foi nomeado profesor auxiliar de Relixión e Moral na Escola Normal, cargo do que tomou posesión o 24 de xuño8. Durante máis de cinco lustros estivo desenvolvendo as súas clases, aproximadamente ata o ano 18939, tempo no que publicou libros de texto da súa materia para a Normal e, tamén grazas a isto, tivo unha notable presencia na sociedade compostelá.

Non foi a Normal o único centro educativo no que Santiago Guerrero deu clases. Ao pecharse aquela porta, opositou e gañou a praza de catedrático de Retórica no Instituto de Zaragoza10. Porén, debeu permutala porque ao final entrou como catedrático de Retórica e Poética, no Instituto de Santiago, o 3 de decembro de 189211 e así até setembro de 190312. Nesta última data pediu unha excedencia por unha enfermidade que resultou definitiva, pois faleceu pouco despois.

No que respecta á súa función como clérigo, en novembro de 1874 foi nomeado cura castrense de Santiago, con sede na parroquia de Santa María do Camiño, dignidade que non abandonou ata a súa morte. Por outra banda, en xaneiro de 1881 obtivo o nomeamento como Capelán de Honra da Súa Maxestade e Predicador da Capela Real, o que en datas sinaladas o levaba a exercer estas funcións na Corte. A influencia que Santiago Guerrero acadou en certos ámbitos santiagueses é imaxinable tendo estes datos, pudendo inscribírselle dentro da corrente conservadora moderada que supuxo a chegada do Cardeal Payá a Compostela.

Cabaleiro con chisteira, de autor anónimo,
fotografía do Fondo Guerrero (arquivo Carlos Castelao)

Por último, Guerrero exhibiu unha notable labor filantrópica, entendida dentro dos canons dunha sociedade eminentemente beatífica e anquilosada na xa inmobilista España da Restauración. Neste sentido cómpre destacar que foi un dos impulsores e fundadores en 1891 da Cociña Económica de Santiago, cuxa Xunta de goberno presidiu desde o ano seguinte. Esta é a única obra benéfico-relixiosa do século XIX que aínda hoxe pervive, creada polas políticas desenvolvidas polo movemento católico obreiro, que a nivel global pretendía contrarrestar o empuxe dos movementos proletarios.

Finalmente, o 14 de novembro de 1903 Santiago Guerrero faleceu no seu domicilio do número 16 da rúa Costa Vella13, sendo enterrado dous días despois no Cemiterio do Rosario, a cuxa Confraría pertencía14. Ao doo asistiron membros do Cabido, incluíndo o Deán, o Reitor da Universidade, o Claustro do Instituto e moitos dos seus alumnos, así como unha enorme concorrencia de composteláns que lle deron así o seu adeus.


Un álbum con correspondencias na RAG

Como antes dicía, este fondo contén 71 imaxes elaboradas entre os primeiros anos da década dos 60 do século XIX ata principios dos 30 do XX. Como vemos, excede o período vital do propio Santiago Guerrero, así que alguén (posiblemente da familia) debeu herdar o álbum e engadir algunhas fotos propias. Como varias destas últimas están feitas en Santiago, entendo que foi unha familia da nosa cidade con conexións con Madrid, posto que é nesta cidade onde merquei as pezas.

Entre todas elas considero que polo menos unhas 40 pezas pertencían á colección privada de Guerrero e o seu álbum. Moitas delas, como vimos, estanlle dedicadas. Chama a atención que entre elas hai representados cinco presbíteros (un deles é el mesmo) e unha máis do Papa Pío IX, que caracterizouse polas súas simpatías polo liberalismo moderado.

Outras persoas que dedicaron as súas imaxes ao cura Guerrero foron Dolores e María Concepción Royo, o párroco José López Freire, Carolina Vázquez-Pimentel Vázquez (muller de Ramón Mosquera Montes, alcalde de Santiago), Benito Plá Huidobro (fillo do Presidente do Congreso, Benito Plá Cancela), Petra Agar Roldán (muller do político Ramón María de la Maza Quiroga, sogra do escritor Evaristo Martelo Paumán e avoa materna do I conde de Fenosa), as irmás Matilde, Felisa e Rosa Aspe Fullós (que se fan chamar “as de Aspe”), Luis de Aspe Fullós (irmán das anteriores) e Isabel María Caamaño Machín. Algo realmente curioso é que moitos deles foron veciños na praza de María Pita, na Coruña, en vivendas moi próximas entre si. Non pode ser unha casualidade. Precisamente a menos de 100 metros desta praza estaba a casa dos seus tíos coruñeses, os Vázquez López, que residían no número 6 da praciña dos Anxos. É posible que Santiago Guerrero tomase contacto co círculo social dos seus familiares coruñeses, que lle correspondían ofrecendo estes agasallos fotográficos.

Anverso e reverso de cartón do fotógrafo Juan Palmeiro, en Santiago,
ca 1865, con dedicatoria de Petra Agar Roldán, avoa do Conde de Fenosa
(arquivo Carlos Castelao)

Secasí, quixen comprobar se nalgún dos álbums familiares do século XIX que se conservan nos arquivos galegos había algunha correspondencia co Fondo Santiago Guerrero. E aquí atopeime cunha grande sorpresa. Apenas comecei a riscar nos fondos da Real Academia Galega e descubrín que algunhas imaxes do Fondo José Ogea tiñan as súas correspondencias co meu. Lembremos que o ribeiro José Ogea Otero (Cortegada, 1841 id., 1909) foi un destacado político da Primeira República, amigo de Murguía, Eduardo Chao, Curros, Martínez Salazar, Carré Aldao, de Rosalía de Castro... O seu arquivo fotográfico é valiosísimo, cunhas 465 pezas fotográficas das que 259 están distribuídas en tres álbums privados. Dentro delas hai imaxes únicas, como varias moi coñecidas que retratan a Curros Enríquez. No 2014 o fondo foi doado por Anunciatta Rey Ruiz á RAG, institución da que Ogea foi membro numerario fundacional en 1905.

Para finalizar, cales son esas fotografías do Fondo Ogea que teñen correspondencia no Fondo Guerrero? Sen entrar a avaliar os motivos polos que estes personaxes están nun e noutro fondo, estes son algúns exemplos15:

Obras do fotógrafo Juan Palmeiro, son retratos de Santiago Guerrero.
A da esquerda é un extracto modificado da foto grupal
deste mesmo artigo (arquivo Carlos Castelao / RAG)


Obras do fotógrafo Juan Palmeiro, son retratos de
Benito Plá Huidobro (col. particular / RAG)


Obras do fotógrafo Juan Palmeiro, son retratos dunha dama
descoñecida (arquivo Carlos Castelao / RAG)




Notas:
1.      Veirat-Masson, Isabelle e Davan, Daniel (1997): “De la imagen semiológica a las discursividades”, en Espacios públicos en imágenes. Barcelona: Gedisa; páxina 60.
2.      Registro Civil de La Coruña. Nacimientos. Años 1835-1839”, no Arquivo Histórico Municipal da Coruña-AHMC, fol. 12r.
3.      O pai de Juana Vázquez era o escribán de número Claudio Francisco Vázquez López (A Coruña, 1782 ― id., 08/01/1848), que tamén tiña casa no lugar de Aián, na parroquia cambresa de Sigrás. A súa nai foi Ana López González-Santar (Santa Cristina de Celeiro de Mariñaos, 1779 ― A Coruña, 09/01/1854), que estaba emparentada por parte de nai cos notarios de Ribadeo do mesmo apelido. Tamén temos que un dos seus irmáns foi o procurador de número e concelleiro da Coruña Fabián Vicente Vázquez López (A Coruña, 09/03/1813 ― prob. A Coruña, ca 1885). Entre os outros irmáns de Juana cómpre sinalar a Prudencia (A Coruña, 18/04/1818 ― Santiago, 23/01/1899), que se mantivo solteira toda a vida e viviu desde 1884 (tras morrer o seu irmán Fabián, co que convivía na Coruña) ata a súa morte cos seus sobriños, Santiago e Ana Guerrero, en Santiago.
4.      Os datos biográficos de cada un deles son os que siguen: Ana (18/11/1830 ― Santiago, 04/03/1921), que foi a única que sobreviviu ao seu irmán Santiago; Fabián (06/01/1831 ― prob. Betanzos, ca. 1884); Santiago (1832 ― A Coruña, 23/10/1837); Pedro Francisco (1834 ― prob. Betanzos, antes de 1868); Carlos Fernando (03/11/1835 ― A Coruña, 03/01/1841) e Antonia Guerrero Vázquez (1843 ― prob. Betanzos, antes de 1856).
5.      Galicia: revista universal de este reino, da Coruña, do 15/04/1863, páxina 3.
6.      A Universidade Central de Madrid (a actual Complutense) tivo Facultade de Teoloxía durante un breve período, desde 1852 até 1868 (“La Universidad Central y su distrito: fondos documentales en el Archivo Histórico Nacional”, de María Carmona de los Santos; 1996, ANABAD XLVI, nº. 1, páxina 175). Así pois, Santiago Guerrero debeu asistir a un dos últimos cursos académicos que se ofreceron nela.
7.      Impreso no mesmo ano na Imprenta de Santiago Aguado (Madrid) co título “Discurso leido ante el Cláustro de la Universidad Central, en el solemne acto de recibir la investidura de Doctor en la Facultad de Sagrada Teología por el Licenciado D. Santiago Guerrero Vázquez de Montalbán”.
8.      Marco López, Aurora e Porto Ucha, Anxo Serafín (2000): “A Escola Normal de Santiago de Compostela. De Escola Normal Superior a Escola Universitaria (1849-1996)”, en Textos Históricos Fonseca, nº 6. Santiago: USC; páxina 52. ISBN 84-8121-854-5.
9.      Santiago Guerrero sostivo desde 1887 un soado preito contra o Ministerio de Fomento durante anos, cuxa sentenza final contraria aos seus intereses puideron ter como resultado o abandono das súas funcións na Escola Normal. Reclamaba Guerrero que se lle recoñeceran os seus quinquenios, como a calquera outro profesor da Escola, pero o Ministerio argumentaba que os profesores de Relixión tiñan a consideración de auxiliares e que, polo tanto, non tiñan dereito aos devanditos emolumentos. Finalmente o Tribunal do Contencioso-Administrativo resolveu ao favor do Estado o 27/09/1892, sentando así xurisprudencia sobre o tema (El Magisterio Gallego, de Santiago, do 25/09/1897, páxina 1).
10.  El Lucense, de Lugo, do 11/02/1893, páxina 1.
11.  Gaceta de Galicia, de Santiago, do 03/12/1892, páxina 3.
12.  El Correo de Galicia, de Santiago, do 24/09/1903, páxina 2.
13.  Desde xuño de 1880 vivía no número 14 das Casas Reais (Gaceta de Galicia do 30/06/1880, p. 2), pero se debeu mudar nos seus últimos anos de vida.
14.  Grazas a un apuntamento do investigador Julio Estrada Nérida, sabemos que ingresou na Real e Ilustre Cofradía Numeraria de Nuestra Señora del Rosario de la Ciudad de Santiago un 23 de xuño de 1883 (segundo unha publicación da Imprenta Paredes en 1908).
15. Á esquerda están sempre os exemplares do Fondo Guerrero e á esqueda os de Ogea, que reproduzo directamente da súa publicación en Galiciana e, polo tanto, veñen coa marca de auga da RAG.

domingo, 19 de maio de 2019

Novas luces nunha relación: Eliseo Segond e María Cardarelly


Ao rematar a redacción do libro As orixes da fotografía en Galicia (Alvarellos Editora / Consorcio de Santiago, 2018), sabía que, a non tardar, chegarían a min novas informacións de moitos dos fotógrafos tratados nel. E, mesmo, dos non tratados. Estaba no certo. Xa vou tendo un feixe de novidades que quixera ir debullando neste espazo pouco a pouco.

Dúas destas achegas viñeron a confirmar, un pouquiño máis se cabe, esa relación que apuntaba no libro e unía a dous dos nosos pioneiros da fotografía compostelá: a Eliseo Segond con María Cardarelly.

Lembremos que á María Cardarelly cóubolle a honra de ser a primeira fotógrafa con estudio propio en Galicia e unha das primeiras de España. Era apenas unha moza cando tomou a decisión de instalar un no espazo da tinturaría familiar, alí polo 1864. Aconteceu na rúa do Hórreo (á altura do que hoxe é o Restaurante Enxa e, ata hai poucos anos, o El Estanco), nun lugar que comercialmente a mediados do século XIX eran os arrabaldes da cidade. Habitualmente aquí se instalaban negocios de tipo industrial, tan cheirentos como era a propia tinturaría. Así que, se a fotografía era nese momento aínda un produto só ao alcance das clases máis acomodadas, semella moi pouco axeitado pretender atraer a esta clientela a un sitio con tan pouco glamour. Na miña opinión, esta foi a causa principal do seu fracaso e o motivo polo que penso que María debeu practicar a fotografía ambulante e non a de estudio máis canónica.

Pola súa banda, Eliseo Segond naceu e viviu boa parte da súa xuventude en Noia. Estaba emparentado pola súa nai co pioneiro Andrés Cisneros, como xa comentei no libro. Aínda así, esta circunstancia non parece que condicionase o seu futuro profesional. O certo é que se cruzou na súa vida un fotógrafo procedente de Madrid chamado Quintín Toledo, quen lle proporcionou a formación e os aparellos necesarios.

Velaquí que podo ir avanzando xa a primeira nova. Aínda que é resultado dunha consulta bibliográfica. Concretamente procede dunha comunicación do malogrado José Luis Cabo de maio do ano 1986 no I Congreso de Historia da Fotografía Española, celebrado en Sevilla1. Na páxina 208 das actas, Cabo sinala que era «de orixe francesa, xa que era fillo dun tintureiro deste país emigrado a Galicia a principios de século». En efecto, Eliseo foi fillo de Modesto Segond Cassò e da súa primeira muller, María Cisneros. Eu sabía que Modesto se dedicaba a algunha profesión comercial, pero o sorprendente era que, precisamente, exercese a mesma ca dos pais de María Cardarelly: a tinturaría. Como tantas veces temos dito, dificilmente son casualidades estas coincidencias. Este feito invita a pensar que os Cardarelly e os Segond se coñecían xa antes de que os seus fillos se decidisen dedicar á fotografía. Que lles empurrou a facelo? en que circunstancias tivo lugar? Son preguntas aínda sen unha resposta clara. Podemos imaxinar varias, pero quizais cómpre unha investigación máis en profundidade nos protocolos notariais noieses e composteláns, fontes que ata agora xa procuraron varias achegas deste fotógrafo. O que agora queda máis claro é que a súa sociedade (que xa insinúo no libro2) tivo lugar.

E se aínda cabía algunha dúbida desta relación entre estes fotógrafos, apareceu unha segunda luz. Neste caso foi consecuencia dunha acertadísima observación da investigadora e amiga Fernanda Padín Ogando3. A súa contribución non foi precisamente banal, xa que explica en parte a historia do único retrato coñecido da propia María Cardarelly.

Retrato de María Cardarelly publicado
en decembro de 2003 por Xosé Henrique Acuña (Revista das Letras)

Velaquí temos a vera imago da primeira fotógrafa coñecida de Rosalía de Castro, María Cardarelly. Foi publicada por Xosé Henrique Acuña nun artigo publicado no 2003 na Revista das Letras4. Mágoa que Acuña non dera máis referencias da fotografía, da que só dicía «A fotógrafa María Cardarelly en foto anónima (ca. 1895)». A pesar dos esforzos, non puiden obter outros datos e, cando publiquei a reprodución desta imaxe no meu libro, obviamente expuxen os que tiña.

E aquí é onde entra Fernanda Padín. O pasado 12 de febreiro escribiume unha mensaxe na que me chamaba a atención sobre esta imaxe da fotógrafa feita por un anónimo e sobre outra, con autoría, que publiquei na páxina 124 de “As orixes da fotografía en Galicia”. É esta5:


Dama compostelá descoñecida, carte-de-visite
do álbum de coñecidos de José Ogea Otero,
ca. 1867/68 (RAG, AL_22_017_02_001)

O fotógrafo desta imaxe é, como non podía ser doutro xeito, o mesmo Eliseo Segond. Comparando ambas imaxes comprobamos unha evidente concordancia de estilos, pero, sobre todo, un idéntico uso de aderezos na composición: a mesma cadeira torneada, a mesma cortina con borlas e a mesma alfombra. É dicir: o autor do retrato de María Cardarelly ten de ser o propio Segond.

Polo tanto, acudindo á datación da fotografía da dama compostelá descoñecida, temos que concluír que a imaxe de María Cardarelly é da mesma época: 1867/68. Cadra con esa faciana de rapaza de 22 ou 23 anos, coa que contaba por entón, e non dunha muller madura de 50 anos que era a proposta que facía Acuña.

Antes de acabar esta comunicación, teño que determe un pouco na actitude e na roupa que porta María Cardarelly na foto agora atribuída a Segond. Ten os brazos cruzados (algo non moi habitual), escondendo as mans. E, por outra banda, está vestida de negro, apenas cun fular cruzado no pescozo. Acaso pode estar de loito? Nun primeiro momento temos que confirmar que é moi habitual que as mulleres da época en Compostela vistan roupas escuras, polo que talvez sexa un uso social. Porén, tamén temos de lembrar que o pai de María, Agustín Cardarelli, morreu a comezos de decembro de 1867, polo que en efecto pode estar de loito. Esta circunstancia cadraría coa datación proposta da fotografía, pero non coa xeográfica. Agustín faleceu en Ferrol, onde vivía a familia desde ese ano ou o ano anterior. Así que isto nos levaría preguntarnos que facía Segond en Ferrol sendo un fotógrafo compostelán? Tendo en conta o complicado que era levar non só os aparellos fotográficos, senón tamén os elementos decorativos do estudio, non parece que Segond tivese feito semellante desprazamento. Así que, de ser feita a fotografía nalgunha cidade, tivo que ser en Santiago. María Cardarelly volveu ocasionalmente a Santiago unha vez abandonou a cidade en 1866? Semella por esta foto que así foi.

Hai outro dato biográfico de María Cardarelly que é importante salientar neste momento: a súa primeira voda sucedeu apenas un mes despois do pasamento do seu pai. Tivo lugar a finais de xaneiro de 1868. Ten relación este acontecemento coa fotografía?

Por fin, a simboloxía tradicional interpreta o cruce dos brazos como unha declaración de inactividade. Porén, María non cruza exactamente os brazos, senón que dirixe a man dereita baixo o antebrazo esquerdo e a man esquerda por riba do dereito para acabar escondida baixo o brazo. Algunhas fontes falan sobre o cruzamento de brazos como un símbolo masónico, pero este non parece o caso. Como me sucede a miúdo, prefiro presentar as preguntas e non decantarme ningunha das respostas insinuadas ata non ter unha confirmación.




Notas:
1.   Estas actas foron publicadas no mesmo ano baixo o título “Historia de la fotografía española 1839-1986”, nunha edición preparada por Miguel Ángel Yáñez Polo, Luis Ortiz Lara e José Manuel Holgado Brenes (Sevilla: Sociedad de Historia de la Fotografía Española; 650 páxinas). José Luis Cabo, pola sua banda, desenvolveu un dos capítulos co título “Historia de la fotografía en Galicia” (pp. 203 a 212), no que semella unha das primeiras aproximacións historiográficas a esta materia no noso país.
2.    Na páxina 109 escribo: «É sumamente importante destacar a máis que probable relación de María Cardarelly co tamén fotógrafo Eliseo Segond, [...]».
3.  Fernanda é autora de moitos artigos sobre a actividade das nosas fotógrafas. O seu blog Fotógrafas Pioneiras é un referente na investigación neste campo, nunca suficientemente resaltado.
4.  Está publicado no seu número 493, pertencente ao mes de decembro de 2003. O título do artigo foi “Volve a fotografía, retorna a memoria” (pp. 2 a 8), na que o autor trazou una deliciosa reivindicación das orixes da nosa fotografía, acompañando ás súas palabras dun feixe de marabillosas fotografías, pouco reproducidas por outro lado.