Santiago
Guerrero retratado en maio de 1868 por Juan Palmeiro (detalle)
(arquivo Carlos
Castelao)
Como dar cun álbum familiar galego?
Hai uns meses atopei á venda un
bo número de fotografías de estudio que me chamaron a atención. Cando, como
neste caso, aparece un feixe de cartóns composteláns da mesma época, sempre me
pregunto se non pertencerán a un mesmo álbum familiar que un vendedor
profesional acaba de obter e quéreos sacar todos xuntos. E, vaites!, comecei a
atopar moitas concordancias entre a meirande parte das fotografías que o
vendedor estaba a colgar nese preciso momento. Acababa de dar con outro álbum
familiar galego. Porén, o vendedor procedía de Madrid, así que o máis probable
era que aos actuais herdeiros chegara un álbum co que crían non gardaban xa
grandes vencellos. Como é costume (desgrazadamente) teríanse desfeito del
nunha tenda de antigüidades por un prezo moi inferior ao que logo, peza a peza,
se vendería.
En resumo, puiden contar ata 71 pezas de fotografía de estudio elaboradas entre os primeiros anos da década dos
60 do século XIX ata principios dos anos 30 do XX. Entre tantas decenas de
fotografías hai obra de fotógrafos como Eugenio
Lanelongue, a compañía formada por Louis
Sellier e Antonio Avrillon, José María González López, Manuel Teijeiro, Eugenio Mora (todos da Coruña), Juan Palmeiro, a Sociedad
Fotográfica La Ambulancia-Norte, Luís Ksado (de Santiago), José María
Otero, José María Sánchez, José Saliquet, Ulysse Ferrant (de Ferrol), Andrés
Cabeiro, a Fotografía Artística de
Francisco Llanos, Felipe Prosperi y
Señora (de Vigo), José Gil (de
Ourense), Constantino Rodríguez, a
sociedade formada polo propio Rodríguez con Romay (de Lugo), Jean Laurent, Pedro Martínez de Hebert
(de Madrid), Photographia
Central-Oliveira, Photographia Alemã
(Lisboa), Carlos Alberto, Carneiro Silva & Tavares (de Rio de
Xaneiro), C.D. Fredericks & Cº, Esteban Mestre (A Habana), Fotografía Calle Cerro 21 e os Jouant Hermanos (Montevideo). Tamén hai
un feixe de fotografías anónimas, moitas delas galegas.
A existencia de numerosos cartóns de procedencia americana e portuguesa nos álbums galegos do século XIX non é algo inhabitual. Baste repasar os contidos daquelas coleccións que alberga a Real Academia Galega para decatarnos disto. É algo lóxico se temos en conta as fortes relacións que se mantiñan coa emigración e mesmo con outros correspondentes cos que se mantiñan diferentes vencellos.
Por outra banda, confeso que, aínda hoxe, me custa moito entender como as persoas podemos chegar a desfacernos destes cachos de memoria que transcenden á nosa e nos vencellan ao pasado, ao noso propio pasado. «O álbum de fotografías da familia é a materialización, cargada de morriña, do tempo que pasa»1. Un conxunto de fotos non só representan parte do que somos como individuos, esa bagaxe invisible, senón que a súa contemplación nos une a unha serie de rostros que non coñecemos e nos permite dar un sentido á nosa historia particular, aínda que sexa creando imaxinarios non históricos. Por iso, hai fotografías que emocionan máis a uns que a outros. Son o punctum do que fala Roland Barthes, a frecha que se crava no berce das nosas máis íntimas emocións.
Por outra banda, confeso que, aínda hoxe, me custa moito entender como as persoas podemos chegar a desfacernos destes cachos de memoria que transcenden á nosa e nos vencellan ao pasado, ao noso propio pasado. «O álbum de fotografías da familia é a materialización, cargada de morriña, do tempo que pasa»1. Un conxunto de fotos non só representan parte do que somos como individuos, esa bagaxe invisible, senón que a súa contemplación nos une a unha serie de rostros que non coñecemos e nos permite dar un sentido á nosa historia particular, aínda que sexa creando imaxinarios non históricos. Por iso, hai fotografías que emocionan máis a uns que a outros. Son o punctum do que fala Roland Barthes, a frecha que se crava no berce das nosas máis íntimas emocións.
Por outra banda, ao mesmo tempo
en que o vendedor madrileño poñía á venda estas pezas fotográficas, tamén o
facía cun álbum baleiro. Este álbum podería ser precisamente o que contiña
a colección. Velaquí unhas imaxes deste álbum tal como aparecía na web de venda.
Como podemos ver é unha peza de
marroquinaría, de coiro repuxado, que na tapa ten un complicado debuxo con
apliques dourados. Os cantos dos seus cortes están tamén dourados e o peche
metálico ten unha figura modernista, común a finais do século XIX e principios
do XX. O interior, que aquí non se representa, é a clásica colección de follas
feitas de láminas de cartóns pegadas con ocos de diferentes tamaños para
albergar diversos tipos de fotografías.
Como chamar un conxunto de fotografías?
Dixen que atopei moitas
concordancias entre os cartóns. Si, así é. Moitas máis que noutros casos de
fondos cos que dei. Eran varias as fotografías que contiñan dedicatorias
dirixidas a un home en particular chamado Santiago
Guerrero. Todas elas, ben é certo, sobre cartóns do período de 1860 a 1880.
Así están as seguintes:
― “A mi querido amigo Santiago Guerrero. Benito
Plá. Ocbre de 1863”
― “A mi querido y simpático Santiago Guerrero. Antonio Fernández.
Santiago, 2 Julio /64”
― “Al Sr Dn Santiago
Guerrero de su amiguita Isabel Mª Caamaño. 27 Mayo 1872”
― “Dedicado á mi único hermano Santiago en
prueba del acendrado cariño que le profesa el que lo es. Fabián”
― “A mi único hermano se lo dedica su cariñoso
Fabián”
― “A mi amigo Santiago como recuerdo de mi
sincera amistad. Dolores Royo”
― “A mi mejor amigo Santiago Guerrero. Carolina
Pimentel”
― “A mi amigo Santiago Guerrero. Petra Agar”
― “A D. Santiago Guerrero recuerdo de su amº.
José López Freire”
― “A nuestro amigo Santiago Guerrero. Las de
Aspe”
― “Lo dedica á su amiga Anita Guerrero. Luis de
Aspe y Fullós”
― “A su especial amigo Guerrero Montalbán”
Incluso un dos cartóns contén
unha curiosa autodedicatoria que di así:
― “Este retrato me lo dedico à mi mismo para
que a nadie se le antoge [sic]. Santº
12 de Mayo de 1868. Santº Guerrero”
Anverso e reverso de cartón do fotógrafo Juan
Palmeiro
(nova tipoloxía non clasificada), asinado o 12 de maio de 1868
por
Santiago Guerrero. De esquerda a dereita, Fabián e Santiago Guerrero
máis un
descoñecido (arquivo Carlos Castelao)
A excepción dunha dedicada a Anita Guerrero, o resto refírense a un
tal Santiago Guerrero, que era o seu irmán. Precisamente, este último cartón é
unha albumina cuxa imaxe representa a tres persoas. No centro deles está Santiago
Guerrero, cuxa vera icona é a que dá
comezo a este artigo. Si, en efecto, era un sacerdote.
Cando
máis adiante analice a biografía desta personaxe, decatarémonos de que moitas
fotografías das 71 que numerei non se corresponden ao seu período vital e que,
algunhas outras que si entran dentro del, teñen unha non tan obvia relación co
clérigo, como sucede coas estranxeiras. Isto vén suxerir que
houbo un núcleo inicial de fotografías pertencentes ao álbum privado de
Santiago Guerrero que, posteriormente, pasou a formar parte (por herdanza, por
lóxica) do doutra persoa, que non consigo identificar. Sexa como fose, a partir
deste momento para min é o Fondo
Santiago Guerrero.
Porén,
agora cómpre falar un pouco deste señor que nos mira cos seus ollos orbitados
de profundas olleiras. Na fotografía parece levantar a man para persignarse, ou
quen sabe se para dicirmos algo. Quen foi, así pois, Santiago Guerrero?
Santiago Guerrero, unha biografía
Temos o
seu nome completo, o que recibiu no bautismo. Era Santiago Valeriano Pablo Guerrero Vázquez-de Montalbán, aínda que
seguiremos referíndonos a el só como Santiago Guerrero. Naceu na Coruña un 15
de xaneiro de 1838, na rúa das Tinaxas número 42, preto do Xardín de San Carlos, onde está o túmulo de Sir John Moore.
Con este
apelido podemos imaxinar que as súas orixes estaban fóra de Galicia. En efecto,
é así, aínda que só por parte de pai. Santiago
Sabino Guerrero Montalbán (30/10/1809 ― prob. Betanzos,
ca. 1883) procedía dunha familia acomodada da localidade manchega de Hinojoso
del Marquesado (hoxe é Los Hinojosos, en Cuenca). Emigrou á Coruña na súa
xuventude, onde casou cunha rapaza dunha familia de escribáns e procuradores
chamada Juana Carmen Vázquez López
(A Coruña, 1807 ― Betanzos, 05/06/1853)3.
A familia, que estaba ben relacionada, tiña moitos notarios, escribáns,
procuradores e escribentes entre os seus membros. Así que, case como parece
lóxico, o pai de Santiago Guerrero terminou exercendo tamén de escribán de
número, aínda que foi nos xulgados de Betanzos, vila á que se trasladou a
familia sobre 1844.
Á súa
chegada a Betanzos, a familia dos Guerrero Vázquez-de Montalbán estaba xa completa, non
nacendo ningún outro membro na cidade do Mandeo. Contamos un total de seis
irmáns para Santiago Guerrero: Ana, Fabián (que foi avogado), o primeiro Santiago de este nome, Pedro Francisco, Carlos Fernando e ,finalmente, Antonia
Guerrero Vázquez4. Dos sete fillos só catro chegaron á idade
adulta e deles só tres superaron os 40 anos de idade. Este é o motivo polo que
Fabián lle dedicou sobre 1865 dúas fotografías nas que lle dicía que era o
seu «único irmán» (enténdese que vivo
nese momento).
Anverso e reverso de cartón dos fotógrafos Sellier et Avrillon,
na Coruña, ca 1865,
con dedicatoria de Fabián Guerrero
ao seu irmán Santiago (arquivo Carlos
Castelao)
A
diferenza de Fabián, que como fillo maior se dedicou ás ciencias xurídicas nas
que a familia estaba especializada, Santiago decidiuse por abrazar sobre 1860 o
estado eclesiástico, cando contaba uns 22 anos de idade. Un dos seus primeiros
sermóns deuno en Santiago na Pascua de 18635, probablemente mentres
estaba estudando na Facultade de Teoloxía da Universidade Central de Madrid6. Obtivo o doutorado
nesta universidade en febreiro de 1867, coa lectura de “Los adelantos científicos de todas las clases, y en especial de las
ciencias modernas, comprueban la veracidad suma de los libros de Moisés”7.
Anos despois, en novembro de 1881, engadiu a este o grao de licenciado en
Dereito Civil e Canónico pola USC.
Case
inmediatamente, Santiago Guerrero estableceuse definitivamente en Santiago,
onde o 2 de maio dese ano foi nomeado profesor auxiliar de Relixión e Moral na Escola Normal, cargo do que tomou
posesión o 24 de xuño8. Durante máis de cinco lustros estivo
desenvolvendo as súas clases, aproximadamente ata o ano 18939, tempo
no que publicou libros de texto da súa materia para a Normal e, tamén grazas a isto, tivo unha
notable presencia na sociedade compostelá.
Non foi
a Normal o único centro educativo no que Santiago Guerrero deu clases. Ao
pecharse aquela porta, opositou e gañou a praza de catedrático de
Retórica no Instituto de Zaragoza10. Porén, debeu permutala porque
ao final entrou como catedrático de Retórica e Poética, no Instituto de Santiago, o 3 de decembro de 189211 e así
até setembro de 190312. Nesta última data pediu unha excedencia por unha
enfermidade que resultou definitiva, pois faleceu pouco despois.
No que
respecta á súa función como clérigo, en novembro de 1874 foi nomeado cura
castrense de Santiago, con sede na parroquia de Santa María do Camiño, dignidade que non abandonou ata a súa morte.
Por outra banda, en xaneiro de 1881 obtivo o nomeamento como Capelán de Honra da Súa Maxestade e
Predicador da Capela Real, o que en datas sinaladas o levaba a exercer estas
funcións na Corte. A influencia que Santiago Guerrero acadou en certos ámbitos
santiagueses é imaxinable tendo estes datos, pudendo inscribírselle dentro da
corrente conservadora moderada que supuxo a chegada do Cardeal Payá a Compostela.
Cabaleiro
con chisteira, de autor anónimo,
fotografía do Fondo Guerrero (arquivo Carlos
Castelao)
Por último, Guerrero exhibiu unha notable labor filantrópica, entendida dentro dos canons dunha sociedade eminentemente beatífica e anquilosada na xa inmobilista España da Restauración. Neste sentido cómpre destacar que foi un dos impulsores e fundadores en 1891 da Cociña Económica de Santiago, cuxa Xunta de goberno presidiu desde o ano seguinte. Esta é a única obra benéfico-relixiosa do século XIX que aínda hoxe pervive, creada polas políticas desenvolvidas polo movemento católico obreiro, que a nivel global pretendía contrarrestar o empuxe dos movementos proletarios.
Finalmente, o 14 de novembro de
1903 Santiago Guerrero faleceu no seu domicilio do número 16 da rúa Costa Vella13,
sendo enterrado dous días despois no Cemiterio do Rosario, a cuxa Confraría pertencía14. Ao doo asistiron membros do Cabido, incluíndo o Deán, o Reitor da
Universidade, o Claustro do Instituto e moitos dos seus alumnos, así como unha
enorme concorrencia de composteláns que lle deron así o seu adeus.
Un álbum con correspondencias na RAG
Como antes dicía, este fondo contén 71 imaxes elaboradas entre os primeiros anos da década dos 60 do século XIX ata principios dos 30 do XX. Como vemos, excede o período vital do propio Santiago Guerrero, así que alguén (posiblemente da familia) debeu herdar o álbum e engadir algunhas fotos propias. Como varias destas últimas están feitas en Santiago, entendo que foi unha familia da nosa cidade con conexións con Madrid, posto que é nesta cidade onde merquei as pezas.
Entre todas elas considero que
polo menos unhas 40 pezas pertencían á colección privada de Guerrero e o seu
álbum. Moitas delas, como vimos, estanlle dedicadas. Chama a atención que entre
elas hai representados cinco presbíteros (un deles é el mesmo) e unha máis do Papa Pío IX, que caracterizouse polas
súas simpatías polo liberalismo moderado.
Outras persoas que dedicaron as
súas imaxes ao cura Guerrero foron Dolores
e María Concepción Royo, o párroco José López Freire, Carolina Vázquez-Pimentel Vázquez (muller de Ramón Mosquera Montes,
alcalde de Santiago), Benito Plá
Huidobro (fillo do Presidente do Congreso, Benito Plá Cancela), Petra Agar Roldán (muller do político Ramón María de la Maza Quiroga, sogra
do escritor Evaristo Martelo Paumán
e avoa materna do I conde de Fenosa),
as irmás Matilde, Felisa e Rosa Aspe Fullós (que se fan chamar “as de Aspe”), Luis de Aspe
Fullós (irmán das anteriores) e Isabel
María Caamaño Machín. Algo realmente curioso é que moitos deles foron
veciños na praza de María Pita, na Coruña, en vivendas moi próximas entre si.
Non pode ser unha casualidade. Precisamente a menos de 100 metros desta praza
estaba a casa dos seus tíos coruñeses, os Vázquez López, que residían no número
6 da praciña dos Anxos. É posible que Santiago Guerrero tomase contacto co
círculo social dos seus familiares coruñeses, que lle correspondían ofrecendo
estes agasallos fotográficos.
Anverso e
reverso de cartón do fotógrafo Juan Palmeiro, en Santiago,
ca 1865, con
dedicatoria de Petra Agar Roldán, avoa do Conde de Fenosa
(arquivo Carlos
Castelao)
Secasí, quixen comprobar se
nalgún dos álbums familiares do século XIX que se conservan nos arquivos
galegos había algunha correspondencia co Fondo Santiago Guerrero. E aquí
atopeime cunha grande sorpresa. Apenas comecei a riscar nos fondos da Real Academia Galega e descubrín que
algunhas imaxes do Fondo José Ogea
tiñan as súas correspondencias co meu. Lembremos que o ribeiro José Ogea Otero (Cortegada, 1841 ― id., 1909) foi un destacado político da Primeira República, amigo de Murguía,
Eduardo Chao, Curros, Martínez Salazar,
Carré Aldao, de Rosalía de Castro... O seu arquivo fotográfico é valiosísimo, cunhas
465 pezas fotográficas das que 259 están distribuídas en tres álbums privados.
Dentro delas hai imaxes únicas, como varias moi coñecidas que retratan a Curros
Enríquez. No 2014 o fondo foi doado por Anunciatta Rey Ruiz á RAG, institución da que Ogea foi membro numerario fundacional en
1905.
Para finalizar, cales son esas fotografías do
Fondo Ogea que teñen correspondencia no Fondo Guerrero? Sen entrar a avaliar os
motivos polos que estes personaxes están nun e noutro fondo, estes son algúns
exemplos15:
Obras do
fotógrafo Juan Palmeiro, son retratos de Santiago Guerrero.
A da esquerda é un
extracto modificado da foto grupal
deste mesmo artigo (arquivo Carlos Castelao / RAG)
Obras do
fotógrafo Juan Palmeiro, son retratos de
Benito Plá Huidobro (col. particular /
RAG)
Obras do
fotógrafo Juan Palmeiro, son retratos dunha dama
descoñecida (arquivo Carlos
Castelao / RAG)
Notas:
1.
Veirat-Masson, Isabelle e Davan, Daniel (1997): “De la imagen
semiológica a las discursividades”, en Espacios
públicos en imágenes. Barcelona: Gedisa; páxina 60.
2.
“Registro Civil de La Coruña.
Nacimientos. Años 1835-1839”, no Arquivo Histórico Municipal da
Coruña-AHMC, fol. 12r.
3.
O pai de Juana Vázquez era o escribán de número Claudio Francisco Vázquez
López (A Coruña, 1782 ― id., 08/01/1848), que tamén tiña casa no lugar de Aián,
na parroquia cambresa de Sigrás. A súa nai foi Ana López González-Santar (Santa
Cristina de Celeiro de Mariñaos, 1779 ― A Coruña, 09/01/1854), que estaba
emparentada por parte de nai cos notarios de Ribadeo do mesmo apelido. Tamén
temos que un dos seus irmáns foi o procurador de número e concelleiro da Coruña
Fabián Vicente Vázquez López (A Coruña, 09/03/1813 ― prob. A Coruña, ca 1885).
Entre os outros irmáns de Juana cómpre sinalar a Prudencia (A Coruña,
18/04/1818 ― Santiago, 23/01/1899), que se mantivo solteira toda a vida e viviu
desde 1884 (tras morrer o seu irmán Fabián, co que convivía na Coruña) ata a
súa morte cos seus sobriños, Santiago e Ana Guerrero, en Santiago.
4.
Os datos biográficos de cada un deles son os que siguen: Ana (18/11/1830 ―
Santiago, 04/03/1921), que foi a única que sobreviviu ao seu irmán Santiago;
Fabián (06/01/1831 ― prob. Betanzos, ca. 1884); Santiago (1832 ― A Coruña,
23/10/1837); Pedro Francisco (1834 ― prob. Betanzos, antes de 1868); Carlos
Fernando (03/11/1835 ― A Coruña, 03/01/1841) e Antonia Guerrero Vázquez (1843 ―
prob. Betanzos, antes de 1856).
5.
Galicia: revista universal de
este reino, da
Coruña, do 15/04/1863, páxina 3.
6.
A Universidade Central de Madrid (a actual Complutense) tivo Facultade de
Teoloxía durante un breve período, desde 1852 até 1868 (“La Universidad
Central y su distrito: fondos documentales en el Archivo Histórico Nacional”,
de María Carmona de los Santos;
1996, ANABAD XLVI, nº. 1, páxina
175). Así pois, Santiago Guerrero debeu asistir a un dos últimos cursos
académicos que se ofreceron nela.
7.
Impreso no mesmo ano na Imprenta de Santiago Aguado (Madrid) co título “Discurso leido ante
el Cláustro de la Universidad Central, en el solemne acto de recibir la
investidura de Doctor en la Facultad de Sagrada Teología por el Licenciado D.
Santiago Guerrero Vázquez de Montalbán”.
8.
Marco López, Aurora e Porto Ucha, Anxo Serafín (2000): “A Escola
Normal de Santiago de Compostela. De Escola Normal Superior a Escola
Universitaria (1849-1996)”, en Textos
Históricos Fonseca, nº 6. Santiago: USC; páxina 52. ISBN 84-8121-854-5.
9.
Santiago Guerrero sostivo desde 1887 un soado preito contra o Ministerio de
Fomento durante anos, cuxa sentenza final contraria aos seus intereses puideron
ter como resultado o abandono das súas funcións na Escola Normal. Reclamaba
Guerrero que se lle recoñeceran os seus quinquenios, como a calquera outro
profesor da Escola, pero o Ministerio argumentaba que os profesores de Relixión
tiñan a consideración de auxiliares e que, polo tanto, non tiñan dereito aos
devanditos emolumentos. Finalmente o Tribunal do Contencioso-Administrativo
resolveu ao favor do Estado o 27/09/1892, sentando así xurisprudencia sobre o
tema (El Magisterio Gallego,
de Santiago, do 25/09/1897, páxina 1).
10.
El Lucense, de Lugo, do 11/02/1893, páxina
1.
11.
Gaceta de Galicia, de Santiago, do 03/12/1892,
páxina 3.
12.
El Correo de Galicia, de Santiago, do 24/09/1903,
páxina 2.
13.
Desde xuño de 1880 vivía no número 14 das Casas Reais (Gaceta de Galicia do 30/06/1880, p. 2), pero se debeu mudar nos
seus últimos anos de vida.
14.
Grazas a un apuntamento do investigador Julio Estrada Nérida, sabemos que ingresou na Real e Ilustre Cofradía Numeraria de Nuestra
Señora del Rosario de la Ciudad de Santiago un 23 de xuño de 1883 (segundo
unha publicación da Imprenta Paredes en 1908).
15.
Á esquerda
están sempre os exemplares do Fondo Guerrero e á esqueda os de Ogea, que
reproduzo directamente da súa publicación en Galiciana e, polo tanto, veñen coa
marca de auga da RAG.
interesantísima investigación
ResponderEliminarMoitas grazas, De Portas A Fóra.
Eliminar