Cuns meses de
retraso, deu por fin comezo a distribución do número 42 de Raigame (revista de arte, cultura e tradicións populares), publicación debida ao Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.
É este un número
especialmente dedicado á fotografía da nosa terra, que conta con artigos de
Xosé Sierra, César Llana, Rafael Salgado, Nieves Amado, Antonio Piñeiro, Xosé
Manoel Rodríguez, Gustavo Docampo, Alexander de los Ríos e Edelmiro Martínez,
ademais do que eu mesmo presento e leva por título “Luis Casado en Ourense”.
Neste artigo pretendín
dar unha achega á relación que Ksado mantivo coa cidade das Burgas e, sobre
todo, tentei biografar os seus primeiros anos de formación antes de
establecerse en Santiago. O seu devir profesional forxouse nese tempo e
explica en boa medida cuestións de estilo e decisións que marcaron a súa vida.
Velaquí deixo as
primeiras liñas do escrito, que espero que sexa do voso interés. Só dicirvos
que a revista Raigame é de distribución gratuíta previa subscrición no seu
correo electrónico (ccpraigamepublicacions@depourense.es).
«Ao longo da
historia da fotografía en Galicia contamos cun feixe de nomes que ficaron gravados
na memoria das diferentes xeracións de galegos. Sería ocioso aquí mencionar as
decenas daqueles que máis renome tiveron en cada unha das vilas e cidades do
noso país. Temos aos Zagala, Jaime Pacheco, Caamaño, Avrillon, Sellier, Mora,
Bordoy e tantos e tantos outros.
En Ourense a
pioneira e imprescindible obra de Rafael Ángel Salgado titulada “Achegamento á historia da fotografía en
Ourense (1856-1940)” fai unha extensa relación dos profesionais que
exerceron nesta cidade. José e Augusto Pacheco, Vales, Montenegro, Pedro
Varela, Prieto, José Gil, Samaniego, Schreck e Vilar son algúns dos
imprescindibles nomes que Salgado biografía detalladamente. Para moitos deles
era a primeira vez que se lles facía xustiza lembrando o seu labor como
fotógrafos.
Dentro da obra que publicada sobre a historia da fotografía en Santiago de
Compostela ("As orixes da fotografía en Galicia") constatamos a existencia de varios fotógrafos que ao longo do século
XIX mantiveron relación tanto con Santiago como con Ourense, xa fose como
fotógrafos ou debido a outras vicisitudes vitais. O primeiro foi Carlos Santos
García Vizcaíno, a quen seguiron outros como María Cardarelly, os irmáns
Bocconi, Manuel Chicharro, Jesús Varela, Ricardo Otero, Hermógenes
Garitaonandía ou os Ocaña.
Plaza del Mercado Chico, de Ávila,
lugar de
nacemento (X) de Luis Casado en 1887,
segundo postal ca. 1920 de Luciano Roisin (col.
ppia.)
Porén, destaca nesa
conexión Santiago/Ourense no mundo da fotografía un nome por riba de todos, o
de Luis Casado, quen ao se establecer en Compostela mudou o seu nome de guerra polo de Ksado, co que é
amplamente coñecido. A figura de Ksado é para Santiago só comparable, pola súa
influencia e extensión no tempo, á doutras dúas que marcaron o devir
profesional da cidade: a de Juan Palmeiro (durante o terceiro cuarto do século
XIX) e a de Manuel Chicharro (durante o derradeiro cuarto do mesmo século e a
primeira década do XX). Xuntos os tres formaron a Grande Tríade da fotografía
compostelá e mantiveron unha liña de traballo que pode cualificarse como
continuísta no compositivo. Todos eles dedicáronse á fotografía por unha razón
alimentista, dela viña o seu sustento. Non actuaban como artistas, senón como profesionais.
Pero é o gusto da sociedade compostelá por un determinado xeito de retratarse o
que os leva a manter unha estilística compositiva similar. Pódese por iso falar
dunha escola fotográfica compostelá? Na nosa opinión, non, porque o certo é que
o seu estilo é o preponderante en todo o país. Non obstante, os que traballaron
en Compostela se mostraron especialmente rigoristas neste aspecto.
Ksado adoptou
precisamente o hieratismo dos seus antecesores, como o propio do país. Pero, foi
quen de aplicarlle uns elementos técnicos e estilísticos que fixeron del o
fotógrafo que hoxe admiramos. Especialmente recolleu a tradición pictorialista,
que chegou tarde a España, e empregouna no seu proveito para crear a nova
fotografía galega.
Non toda a súa obra
mantivo o mesmo estilo. Isto é obvio. Ao longo dunha vida todos mudamos, todos
experimentamos, todos temos momentos mellores e peores, todos temos máis ou
menos tempo para ser máis ou menos perfeccionistas. E no caso de Ksado é algo totalmente
aplicable. Como traballador incansable, inquieto e aberto as 24 horas do día ás
novidades, foi quen de crear unha obra inmensa. Segundo el mesmo afirmaba, tiña
tiradas máis de millón e medio de placas ao longo da súa vida, e isto dicíao
nos anos 60, unha década antes de falecer.
Porén, a pesar da
constante presenza da obra de Ksado nos nosos días cando se bota unha ollada ás
imaxes do pasado no noso país, hai aínda moitos interrogantes que se poden
abrir sobre a súa biografía. Mais, quixera neste espazo afondar non no Ksado
das “Estampas de Galicia”, aquel que
repartía o seu tempo entre Santiago e Vigo, ou que con Signo se lanzou a
percorrer a xeografía galega, senón a aquel que antes de ser Ksado foi Luis
Casado, a aquel rapaz que a principios dun verán de 1894 chegou ás beiras do
Miño e mirou por vez primeira á cidade que o forxou».
Claustro de San Francisco, por
Ksado
(Vida Gallega,
do 20/08/1929, p. 17; Galiciana)
Ningún comentario:
Publicar un comentario