Foi Antonio Vila Nadal un dos
máis estraños fotógrafos con estudio fixo en Compostela. Non conservamos fotos
de estudio ao seu nome. Tampouco semella que tivese un grande éxito. Ao seu
gabinete chamouno “La Catalana” e
podería ter sido completamente esquecido de non ser por unhas poucas novas
contidas na prensa da época. Así o explicamos na súa biografía en “As orixes da fotografía en Galicia” (Consorcio de Santiago / Alvarellos Editora, 2018).
Porén, sendo honestos, non lle podemos reprochar nada posto que Vila realmente foi un alma inqueda, pendente sempre dos avances científicos. A fotografía foi para el unha arma máis empregada no progreso das ciencias e no melloramento da ensinanza. E isto último é o que o trouxo a Compostela.
Porén, sendo honestos, non lle podemos reprochar nada posto que Vila realmente foi un alma inqueda, pendente sempre dos avances científicos. A fotografía foi para el unha arma máis empregada no progreso das ciencias e no melloramento da ensinanza. E isto último é o que o trouxo a Compostela.
A familia
Vila-Coro con Antonio Vila,
arriba no medio, anos 30 (Galeria de Metges Catalans)
arriba no medio, anos 30 (Galeria de Metges Catalans)
Chegada á Universidade de Santiago
Vila Nadal foi nomeado axudante
da cátedra de Historia Natural na Facultade de Ciencias da Universidade de
Santiago en xaneiro de 1886. Sucedeu un tempo despois de casar coa galega Rosa
Coro Gómez (Piornedo, Cervantes, 1863 ― Barcelona,
1934), á que coñeceu sendo moi novo tras chegar ela á capital catalá para
servir e á que instruíu como un moderno Pigmalión (Vila-Coro, 2018). Foi
Santiago o seu primeiro destino, meses despois de rematar a carreira, e semella
que na súa primeira etapa compostelá debeu residir só na cidade durante moito
tempo, posto que os fillos foron nacendo nesta época en Barcelona e non en
Santiago, como sucedeu en 1889 co seu fillo Eugenio. Entrementres obtivo en
decembro o doutorado na Universidade Central, o que daquela tiña o monopolio da
súa emisión na universidade española. Desde 1890 impartiu interinamente a
materia de Zooloxía, por traslado do titular, ademais das de Mineraloxía e
Botánica, o que deu pulo ás excursións con alumnos, especialmente á costa,
dando relevo á bioloxía mariña.
Rosa Coro Gómez (josemariavilacoro.com)
Como diciamos, Vila puxo en
práctica pronto as ensinanzas recibidas e involucrouse en iniciativas que
entendeu de progreso científico para Galicia. En marzo do mesmo ano de 1886
principiou a súa primeira cruzada: a do ramio, influída sen dúbida pola dedicación
familiar á industrial téxtil. O ramio é unha planta de cuxos talos se obtén
unha fibra semellante ao liño, aínda que máis basta e menos elástica, polo que
adoita ser mesturada con outras teas. Ademais o ramio pode empregarse como
forraxe, polo que tiña un interese engadido para Galicia debido á súa extensa
cabana gandeira. Vila, a través do Instituto de Fomento do Traballo Nacional de
Barcelona, trouxo mil gallos que distribuíu á Sociedade Económica, ao Xardín
Botánico de Santiago, á Deputación provincial da Coruña e a dúas plantacións
próximas a Santiago que semella conseguiron adaptarse á tempestuosa
climatoloxía local. Na primeira destas institucións, a Económica, ingresou Vila
Nadal, empregando a súa revista eventualmente como voceiro dos seus experimentos
e participando nos certames que organizaba, como o Congreso de Agricultura e
Pesca (xullo de 1886). E, por outra banda, a finais de 1901 obtivo a confianza
para dirixir o Xardín botánico compostelán.
Póla de
ramio (Boehmeria nivea)
(“Flora de Filipinas [...] Gran edición [...] [Atlas II]”,
de Francisco Manuel Blanco, ca. 1880; lámina 385)
(“Flora de Filipinas [...] Gran edición [...] [Atlas II]”,
de Francisco Manuel Blanco, ca. 1880; lámina 385)
Proxectos científicos
Entre os seus proxectos destacou
desde un principio a súa aposta pola construción de acuarios como espazos de
propaganda da bioloxía mariña e de experimentación para a acuicultura. Tentouno
en Barcelona (1888) e na Coruña (1890), e igualmente resultaron frustrados os
mesmos proxectos en Madrid e Santiago (1892), sufrindo grandes perdas
económicas nesta cidade por mor de «grandes
deterioros no local» no que ía ter lugar, ao carón da Alameda. Recriminou a
falla de «apoio do elemento oficial para
chegar á realización de tan plausible como necesario pensamento», reproches
que foron unha constante ao longo da súa estadía en Compostela.
Aquarium da
Exposición Universal
de Barcelona de 1888, obra de Vila Nadal
(La Ilustración Ibérica, de Barcelona, de 13/10/1888; BNE)
(La Ilustración Ibérica, de Barcelona, de 13/10/1888; BNE)
Pronto entendeu que precisaba dun voceiro para enmarcar
as súas ideas e embarcouse en consecutivos proxectos editoriais, que remataron
por danar irremediablemente a súa economía. Así editou La Revista de Ciencias Naturales (xaneiro de 1887 ― xaneiro de
1888), na que expuxo o evolucionismo darwinista; en segundo lugar, La Ilustración Naturalista (maio 1893);
e, finalmente, o seu proxecto editorial de maior envergadura, La Propaganda Científica, que tivo
varias etapas: a primeira en Santiago (10/02/1897 ― 10/10/1900), a segunda
igualmente en Santiago (03/04/1903 ― marzo 1904) e a terceira en Salamanca
(06/12/1906 ― marzo 1911), na que presentou o seu proxecto de “ambulancias científicas” consistentes en
levar a Ciencia a lugares aos que normalmente non chegaban este tipo de
iniciativas culturais (Fraga, 2013). Cómpre informar que deu de alta na
Matrícula Industrial de Santiago en xaneiro de 1903 o negocio de imprenta, co
que editaba La Propaganda Científica
e outros opúsculos. Contaba cunha máquina tipográfica e outra de confección de
tarxetas, así como un negocio de papelería que ficaron case todo o ano no
domicilio familiar na rúa do Franco número 30 e que, case chegado 1904, pasou
ao número 7 do Toural. Chamouno “Tipografía
de La Propaganda Científica”.
Cabeceira
do número 1 de La Propaganda Científica,
de 10/02/1897 (Galiciana)
Loitou tamén por un vangardista
proxecto denominado, consecutivamente, Laboratorio
Biolóxico de Galicia (fundamentalmente a partir de 1888, aínda que xa á súa
chegada a Santiago expresara este desexo no congreso que sobre agricultura e
pesca se celebrou), Escola de
Piscicultura de Carril (1891) e Estación
Zoolóxica da Ría de Arousa (1892). En setembro de 1900 viu por fin como se
colocaba a primeira pedra da Estación
Biolóxica de Mariña da Ría de Arousa en Carril, evento do que o calígrafo e
fotógrafo compostelán Carlos Quintela Naya elaborou un fermoso pergamiño.
Porén, a Estación Biolóxica ficou en proxecto, non chegando nunca a rematarse.
La Propaganda Científica, de 06/08/1903 (Galiciana)
A marcha de Compostela
Vila Nadal tentou mellorar profesionalmente as súas condicións económicas polo que xa en 1895 presentou a súa candidatura a unha cátedra de instituto estremeña, que non obtivo. A acumulación da carga lectiva que sufría puido ser outro motivo que lle animara a facelo. Así, por exemplo, en 1896 daba clases na Facultade de Medicina de Química, de Mineraloxía e Botánica, e de Zooloxía, solapándose incriblemente en ocasións as materias. En 1897 opositou a senllas cátedras na Universidade Central e no Instituto de Zamora, mesmo foi proposto para outra auxiliaría vacante na Universidade de Oviedo. Finalmente, en febreiro de 1899 optou á cátedra de Historia Natural na Universidade de Granada, que obtivo en marzo, polo que marchou de Santiago ao mes seguinte, tomando posesión en Granada o 26 de abril. Non obstante, isto non significou que Vila se esquecera dos proxectos que puxera en marcha en Galicia, polo que regularmente estaba de visita en Santiago. E en febreiro de 1899 obtivo por fin en propiedade, por permuta, a ansiada cátedra de Historia Natural na Universidade compostelá polo que regresou á súa segunda terra. Mesmo apenas catro anos despois tivo a honra de facer o discurso inaugural do curso 1903-04, no que suplicou en balde polo seu proxecto da Estación Biolóxica de Carril (Fraga, 2013). Decepcións como esta, mais tamén os devanditos problemas económicos e xudiciais, animárono a abandonar definitivamente Compostela e aceptar a cátedra de Mineraloxía e Botánica na Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca en agosto de 1904.
Bibliografía secundaria:
BARREIRO FERNÁNDEZ, Xosé Ramón
(2002): “Historia da Universidade de
Santiago de Compostela. Volume II: O século XIX”. Santiago: Servizo de Publicacións
e Intercambio Científico Campus universitario sur / USC; 588 páxinas. Isbn
84-9750-000-8.
FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (2013): “Antonio Vila Nadal”, en Álbum da Ciencia (culturagalega.org). Consello da Cultura Galega.
DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, Francisco (2016): “As revistas galegas e a divulgación científica (1838 – 1936)”, dentro de “Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia”. Santiago: Consello da Cultura Galega; páxinas 39 a 66.
VILA DE VICENTE, Sergi (2016): “Antecedentes de la divulgación científica española”, no blog Divulgador Herbívoro. Blog de ciencia y comunicación científica, do 21/12/2016.
VILA-CORO BARRACHINA, José María (2018): web José María Vila-Coro y familia
FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (2013): “Antonio Vila Nadal”, en Álbum da Ciencia (culturagalega.org). Consello da Cultura Galega.
DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, Francisco (2016): “As revistas galegas e a divulgación científica (1838 – 1936)”, dentro de “Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia”. Santiago: Consello da Cultura Galega; páxinas 39 a 66.
VILA DE VICENTE, Sergi (2016): “Antecedentes de la divulgación científica española”, no blog Divulgador Herbívoro. Blog de ciencia y comunicación científica, do 21/12/2016.
VILA-CORO BARRACHINA, José María (2018): web José María Vila-Coro y familia
Ningún comentario:
Publicar un comentario