xoves, 13 de setembro de 2018

Ernesto Carrero e a introdución do cinema en Compostela

Outro dos fotógrafos máis interesantes de Compostela, que exerceu a cabalo entre os derradeiros anos do século XIX e os primeiros do XX, foi o verinés Ernesto Carrero Goyanes. Del publicamos unha estensa biografía en “As orixes da fotografía en Galicia” (Consorcio de Santiago / Alvarellos Editora, 2018) e deixamos o capítulo correspondente á súa relación co cinema para ser desenvolvido neste blog.

Debido á importancia que culturalmente ten nos nosos días o cinema, a bibliografía existente sobre este tema en relación a Compostela é numerosa.


A chegada do fonógrafo a Compostela

A actividade de Ernesto Carrero non quixo cinguirse nunca unicamente á simple función fotográfica, como observamos na biografía desta personaxe no noso libro. O espectro das súas ocupacións abrangueu múltiples intereses. Se non fosen bastantes os descritos nesta publicación, queremos agora referirnos a aqueles relacionados coa introdución na cidade das novas tecnoloxías e, particularmente, coa fonografía e a cinematografía, que andando o tempo ficarían indisolublemente unidos.

Edison xunto ao seu segundo modelo de fonógrafo, ca. 1878
(Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos)

O fonógrafo chegou a Galicia en setembro de 1878, apenas dezaseis meses despois da súa invención por Edison1. A Universidade de Santiago fíxose cun en 1883, chegando así á nosa cidade. Pero, non sería ata finais de 1893 cando se rexistrou a primeira gravación da man do rioxano Lorenzo Colis Martínez (A Rioxa, 1851 ─ Santa Cruz de Mudela, Cidade Real, 1905), que trouxera un aparello da Exposición Universal de Chicago dese ano. Sucedeu na Coruña, e seis meses despois pasou o mesmo en Santiago, da man dos exhibidores Enrique Estrader Llopis (n. Barcelona, 25/08/1862) e Mariano Martín Villoslada (n. Segovia, 13/11/1859). 

Fonógrafo de Edison e cilindros con gravacións
(foto de Tomasz Sienicki tomada no Vendsyssel historiske Museum,
en Hjørring, Dinamarca, en 2004; Wikimedia)

As audicións públicas non foron moi frecuentes, polo que calquera representación se convertía nun acontecemento social. E así o entendeu Carrero, que encargou unha máquina e comezou a exhibición ao público santiagués a mediados de setembro de 1897, polo prezo de dez céntimos de peseta por persoa2 3Foron as primeiras pezas extractos da zarzuela do mestre Ruperto Chapí Mujer y Reina”, do “Don Juan Tenorio” (sen especificar se era a zarzuela de Manent ou unha declamación do drama de Zorrilla), pezas de flamenco, de orquestra e de banda2.

Labregos valenciáns escoitando o fonógrafo, ca. 1900  
(Boletín Fonográfico y Fotográfico, de Valencia, primeiro número de 1900;
Biblioteca Valenciana Nicolau Primitiu)

No mesmo ano no que Carrero exhibía o fonógrafo en Compostela, chegaba Á Coruña o cinema. Non obstante, seguiu solicitando novos cilindros cos que deleitar ao público local, e así en febreiro do ano seguinte pediu ata setenta4. Esta actividade mantívose ao longo de 1898 como un complemento á fotográfica, que compartía o espazo no local do Vilar5. Porén, en agosto do ano seguinte sufriu o roubo dun fonógrafo6, polo que cesou nas demostracións. Ademais, nesta época comezaron tamén a chegar a Galicia os primeiros gramófonos, que en pouco tempo deixaron ao fonógrafo fóra de mercado grazas á súa maior calidade e máis sinxela reprodución.


As primeiras funcións cinematográficas en Compostela

En canto ao cinema, preguntámonos cal foi o motivo que levou a Carrero a converterse no primeiro proxeccionista de cine en Santiago. Coñecendo as inquedanzas deste imaxinamos que desde o momento en que lle chegaron novas das primeiras proxeccións na Coruña, alá polo mes de setembro de 1896, estaría no seu pensamento saber máis desta invención. No entanto, a moi deficiente subministración eléctrica coa que contaba a cidade fixo imposible a súa pronta chegada.


A oportunidade xurdiu máis de tres anos despois, iniciado o último ano do século, cando, como sinalamos, a devandita subministración non era a axeitada. Sabemos que Carrero mercou un proxector Lumière, probablemente na Coruña ao introdutor do cinema no noso país, o francés José Sellier Loup (Givors, Francia, 13/08/1850 ─ A Coruña, 21/11/1922), autor ou distribuidor das curtas que exhibiu en Santiago.

Para revestir o acontecemento dunha certa solemnidade, Carrero chegou a un acordo coa prestixiosa e académica sociedade católica do Ateneo León XIII para que o acto se realizase na súa sede, no número 24 da rúa Algalia de Abaixo. Tivo lugar o domingo 7 de xaneiro de 1900 e antes da proxección tomou a palabra o catedrático da Facultade de Farmacia Demetrio Casares Gil para pronunciar un discurso escrito a propósito co que tentou explicar as «funcións do ollo humano», analizando «a teoría da persistencia das imaxes na retina» e realizando curiosos experimentos con aparellos de física e xogos que denominou metempsicose7. Secasí, aos nosos ollos contemporáneos, o limiar non pode senón cualificarse de bizarro. Sexa como fose, a proxección foi seguida coa elemental atención polo público congregado, que aplaudiu o experimento, aínda que todas as crónicas se laiaban da deficiente iluminación das imaxes e non faltaron as críticas ao feito de non contar cun sistema eléctrico axeitado na cidade, nin sequera nos centros académicos8 9. Algún tachou ao Concello neste aspecto de pachorrento por non ter acordado aínda aos novos tempos7.

Cunha X, lugar onde tiveron lugar as primeiras proxeccións
cinematográficas comerciais en Santiago (nº 26 do Vilar).
Postal de Duguay-Trouin, foto Jean Geiser, 1905 (col. ppia.)

Unha vez feita a presentación do invento, chegou o momento de facer negocio con el. E non tardou moito Carrero en habilitar os baixos do número 26 da rúa do Vilar, preto do seu estudio10 11. A primeira función do bautizado como Cinematógrafo Lumière tivo lugar o 22 de xaneiro con imaxes do «movemento dunha rúa de Arxel co seu constante ir e vir de vehículos e de persoas; un grupo encantador de nenas xogando nun paseo; un grupo de xogadores de baralla que rematan rifando; a praza da Mina da Coruña no momento de saír para Santiago a ferrocarrilana e outras que non lembramos»12 13Esta publicación de El Eco de Santiago do día 23 é a primeira descripción dunha película proxectada na cidade. Mais, o día 26 apareceu no xornal a primeira carteleira, con curtas de coñecidos traballos de Sellier e dos Lumière14. As funcións levábanse a cabo todos os días das cinco e media ás oito do serán e os prezos eran certamente altos: 50 céntimos a entrada e unha peseta se era con cadeira incluída. Os venres foron considerados os días do espectador, ou como lles chamaban entón “días de moda15, porque se engadían máis curtas do acostumado polo mesmo prezo. Ademais comezaron a programarse sesións especificas para rapaces16.

El Eco de Santiago, de 26/01/1900 (BVPH-MECD)

O domingo 11 de febreiro foi o último en que Carrero empregou o proxector Lumière17, e desde o día seguinte usou o crono-fotógrafo18 19, que permitía algunhas exhibicións en cores20. Aínda así, o negocio mantivo o seu nome orixinal de Cinematógrafo Lumière, polo que a meirande parte das películas seguían correspondendo á produtora francesa. Porén, o publico cansou ben axiña e o día 19 anunciou unha rebaixa dos prezos á metade e un próximo peche do salón21, que se materializou antes de rematar o mes. Ata pasado un ano, ningún outro empresario faría novas exhibicións cinematográficas na cidade. As proxeccións pronto comezarían a ser cuestionadas pola Igrexa e a boa sociedade como lugares de pouca moralidade, e todo isto a pesar de que, desde os primeiros días, se anunciaba que as escenas «foran moi ben elixidas polos propietarios da máquina, que puxeron especial coidado en que aquelas non tivesen nada que reprochar perante a moral e o bo gusto»22Non obstante, había moitas queixas por ter que «escoitar palabras impropias do lugar e sen ter para nada en conta a presenza de damas» no cinematógrafo23.

Bains de Diane” (Milán), dos irmáns Lumière,
que se proxectou na sesión inaugural comercial do cinema en Compostela

Anos despois, co gaio das Festas do Apóstolo de 1904, Ernesto Carrero executou na fachada do Obradoiro e na Alameda un espectáculo de proxeccións de luces de cores e «cadros de diversos asuntos», antecedente dos modernos espectáculos luminosos que goza a cidade nos nosos tempos24 25. Por fin, completábao cunha abraiante cruz eléctrica de mil buxías26.


Notas:
1. Foi o enxeñeiro naval Andrés Avelino Comerma Batalla (Valls, Tarragona, 10/06/1842 ― Ferrol, 02/02/1900) quen levou a Ferrol un aparello que adquiriu na Exposición Universal de París de 1878 (El Correo Gallego, de Ferrol, de 01/09/1878, páxina 2). Semella que unhas das primeiras grabacións que fixo, neses días de finais do verán, foi unha saudación coa súa propia voz que escoitaron os xornalistas.
2. El Eco de Santiago, 17/09/1897, páxina 2.
3. El Alcance, de Santiago, 18/09/1897, páxina 1.
4. El Eco de Santiago, 10/02/1898, páxina 2.
5. El Eco de Santiago, 28/10/1898, páxina 2. Nesta nova infórmase que o aparello era da marca Edison.
6. El Eco de Santiago, 03/08/1899, páxina 2.
7. El Eco de Santiago, 08/01/1900, páxina 3.
8. El Pensamiento de Galicia, de Santiago, 08/01/1900, páxina 3.
9. El Eco de Santiago, 15/01/1900, páxina 2.
10. El Eco de Santiago, 27/01/1900, páxina 2.
11. Gaceta de Galicia, de Santiago, 17/01/1900, páxina 3.
12. El Eco de Santiago, 23/01/1900, páxina 2.
13. Gaceta de Galicia, de Santiago, 25/01/1900, páxina 3.
14. El Eco de Santiago, 26/01/1900, páxina 2. As curtas expostas foron “Banda de enxeñeiros” (quizais unha obra de Sellier), “Saída de misa en San Xurxo (Coruña)” (Sellier, 1897), “Visita de Fauré ao Tsar de Rusia” (Lumière, 1897, probablemente “Arrivée de M. le président et du tsar à Peterhof”), “Baños de Diana en Milán” (Lumière, 1896, “Bains de Diane”), “Un desembarque en Marsella” (Lumière, 1896, probablemente “Déchargement de grains”), “A Porta do Sol en Madrid” (Lumiére, 1896, “Puerta del Sol”), “Carga de Coraceiros” (Lumière, 1896, probablemente “Charge de cuirassiers”), “Comida do neno” (Lumière, 1895, probablemente “Repas de bébé”), “O Orzán (Coruña)” (Sellier, 1897, “Orzán, oleaje”) e “Chegada dun tren” (Lumière, 1896, probablemente “Arrivée d’un train en gare”).
15. Gaceta de Galicia, de Santiago, 31/01/1900, páxina 3.
16. Gaceta de Galicia, de Santiago, 28/01/1900, páxina 1.
17. El Eco de Santiago, 08/02/1900, páxina 2.
18. El Eco de Santiago, 14/02/1900, páxina 2.
19. El Eco de Santiago, 16/02/1900, páxina 3.
20. Segundo José Luis Cabo, «este cronofotógrafo –posiblemente de marca Gaumont- perfeccionaba o invento dos Lumière e era o mellor proxector da época» (“Cinematógrafos de Compostela. 1900-1986”, CGAI / Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, 1992; páxina 42). Non obstante, non hai que confundir a cronofotografía, precursora da cinematografía inventada en 1878 por Muybridge, con este aparello cinematográfico homónimo.
21. El Eco de Santiago, 19/02/1900, páxina 2.
22. El Pensamiento de Galicia, de Santiago, 26/01/1900, páxina 2.
23. El Eco de Santiago, 06/05/1901, páxina 2.
24. El Eco de Santiago, 17/06/1904, páxina 2.
25. Gaceta de Galicia, de Santiago, 30/07/1904, páxina 3.
26. Gaceta de Galicia, de Santiago, 06/07/1904, páxina 3.

Ningún comentario:

Publicar un comentario