xoves, 13 de setembro de 2018

Jesús Varela e a traxedia do "Veronese"


Jesús Varela Nogueira converteuse nun dos moitos exemplos de fotógrafos españois que, entre mediados do século XIX e o primeiro terzo do século XX, deixaron o seu país para tentar fortuna ao outro lado do océano.

Foron moitos os anos nos que vagou dun lugar a outro tentando achar un lugar no que botar raíces. Non só Compostela, senón tamén lugares tan dispares como Valladolid ou Viana do Castelo. En ningún deles conseguiu manterse máis aló duns poucos anos. Así que, como relatamos no libro “As orixes da fotografía en Galicia” (Consorcio de Santiago / Alvarellos Editora, 2018), sobre 1909 ou 1910 Jesús Varela abandonou a península e marchou cara a Arxentina. Pero, fíxoo só. En Vigo quedou a súa familia, esperando que Jesús medrase e fose capaz de os levar máis adiante.

O Veronese días despois do naufraxio, fronte á capela da Boa Nova.
Mundo Gráfico, de Madrid, do 12/02/1913, p. 24 (arquivo C. Castelao)

A viaxe do Veronese

A principios de xaneiro de 1913 Jesús Varela reuniuse en Vigo coa súa muller e os catro fillos que lle quedaban: Luisa, Luz, Julio e Jesús, todos menores de idade. Apenas puido adquirir na consignataria viguesa de Hijos de Barreras billetes de 2ª clase para o Veronese, cada un cun custo de 340 pesetas. Velaquí temos un anuncio publicado en prensa do servizo neses días.


 
Noticiero de Vigo, do 03/01/1913, p. 4 (Galiciana) 

O vapor Veronese pertencía á chamada serie de buques “V-Ships”, armados pola compañía navieira Lamport & Holt1A serie contou cun total de tres barcos cuxos nomes comezaban pola mesma letra: Velasquez (construído nos estaleiros de Middlesbrough), Veronese e Verdi (construídos nos estaleiros de Belfast, como o malogrado Titanic). Todos eles dedicáronse ao transporte de pasaxeiros entre Europa e Suramérica.


The deck of the S.S. Veronese”, de Arthur Hacker (www.christies.com) 

O Veronese (1906) superaba amplamente as 7 mil tm de desprazamento e tiña as mesmas medidas que os seus irmáns, con máis de 140 metros de longo. Contaba na cuberta de 1ª clase incluso cun espazo para xogar ao crícket. Era o maior buque construído ata ese momento pola devandita compañía inglesa, mais algúns sinais non auguraban nada bo. En primeiro lugar, en 1907, nunha das súas primeiras viaxes, embarrancou na ría de Vigo, cando levaba 67 pasaxeiros. Precisou varios días de traballo ata que puido ser liberado grazas á intervención doutros vapores. Logo, o Velasquez afundiu en 1908 preto da cidade brasileira de Santos. Afortunadamente non se rexistraron vítimas humanas en ningún dos casos.


O S.S. Veronese (www.ssmaritime.com)

Tras chegar desde Liverpool con 20 pasaxeiros ingleses e suecos, finalmente, o 15 de xaneiro saíu do porto de Vigo o paquebote ás 11 da noite con 137 pasaxeiros e unha dotación de 92 tripulantes2. Ía ser esta a última viaxe do Veronese na carreira cara a América, porque a intención era que ao chegar a Bos Aires fose destinado á liña que uniría a capital arxentina con Nova York.


Salón de Primeira Clase do S.S. Veronese (www.ssmaritime.com)

As condicións climáticas naqueles días non eran moi apracibles e aos trebóns uníanselles frecuentes néboas. Ademais, a costa norte portuguesa era coñecida no medio marítimo como a terra escura («dark land»), pola súa case nula iluminación. En plena madrugada do xoves, día 16, en medio de fortes chuvieiras e unha borraxeira espesa que os mariños coñecen como néboa de sopa de chícharos («pea soup fog»), sentiuse un forte golpe na proa. O capitán, o experimentado Charles Turner, estaba nese momento durmindo. Seica quen vixiaba se despistou e, ao pasar fronte ao litoral ao sur de Vila do Conde, bateu o casco contra uns penedos. Tampouco sabemos con exactitude o motivo que levou a varar o barco fronte a Leça da Palmeira, emporiso debido á densa néboa e ao perentorio da situación quizais confundiron o faro da Boa Nova co do porto de Leixões e sobre as seis da mañanciña viraron cara á costa esperando atopar o refuxio que non apareceu. E alí, nun farallón que chaman do Lenho3, a 150 metros da praia, definitivamente ficou o xigante completamente inmóbil, á mercé das ondas dunha implacable tempestade.

O S.S. Veronese a mercé das ondas (www.ssmaritime.com)

Non está claro exactamente se foi fronte á praia da Boa Nova, onde a sitúan case todas as fontes, ou da inmediata Praia Azul, onde un ano despois retratou o buque un fotógrafo local. En todo caso, o acceso ao paquebote para as xentes que contemplaban o espectáculo desde a ribeira era practicamente imposible. E comezaron a transcorrer as horas.

Imaxe do aniversario do afundimento do Veronesse en 1914
(Cunha & Cunha, 2016)


As boias de calzas

Ao principio pensouse en recorrer a outras naves. Pero foilles imposible achegarse. Mesmo o vapor Finisterre, especializado en salvamento, que saíu de Vigo, tivo que renunciar. Xa entrado o venres, instalouse un novo aparello de rescate chamado de boia de calzas («breeches buoy»).


Imaxe da instalación da boia de calzas 
(Cunha & Cunha, 2016)

A boia de calzas consistía nun flotador cunha rede ao que se subían os náufragos e ía enganchado a un cable que, por un sistema de poleas, unía o barco accidentado coa beiramar. O problema era, en primeiro lugar, que a praia onde había de instalarse estaba a un nivel moi baixo con respecto ao navío e tiveron que talar dous piñeiros para elevar as poleas. Despois veu o enorme problema de tentar achegar ao barco o cable. Hasta unha ducia de veces tiveron que disparar o canón co cabo-lanzadeira para que os de a bordo conseguiran apañalo. E logo, despois de instalado, o cable rompía unha e outra vez. Isto sucedeu, ás veces, no momento no que levaban na boia a alguén, que falecía afogado, e tendo que volver a iniciar o achegamento dun novo cabo-lanzadeira.


The life line”, de W. Homer, 1884. Emprego da boia de calzas
(Philadelphia Museum of Art, EUA; Wikimedia)

A visión era dantesca. Deste rescate coas boias de calzas hoxe quedan unhas imaxes rodadas por un equipo da produtora portuense Invicta, que mostramos a continuación, extraídas da Cinemateca Portuguesa4Nelas vese a forza das ondas, pero non os momentos máis dramáticos. Arrepiante foi o caso dunha nai que na xornada anterior perdeu o seu fillo maior, arrastrado da cuberta por unha onda. Levaba ao bebé de 16 meses que aínda lle quedaba agarrado polos brazos mentres ía na boia de calzas, cando unha onda arrebatoullo deixándolle nas mans só os seus braciños. Por outra banda, non menos terrible foi o caso das fillas de Jesús Varela, Luisa e Luz, que abrazadas na boia desapareceron baixo unha onda á vista de todos.

O naufrágio do transatlántico ‘Veronese’ perto da praia da ‘Boa Nova’”,
de 1913, producida por Invicta Film (Cinemateca Portuguesa) 


O Cego do Maio

O venres pola mañá chegou un bote salvavidas que trouxeron por ferrocarril desde Póvoa de Varzim xunto á súa tripulación de pescadores povenses. Despois dun tira e afrouxa coas autoridades da zona, pasadas máis de 24 horas desde o naufraxio e cos gritos de desesperación que viñan do Veronese de fondo, os povenses lanzáronse ao mar. O bote chamábase o Cego do Maio5. Arriscando máis do que podían, conseguiron situarse a tres metros a estribor e lanzaron un cabo. E así, pouco a pouco e con afouteza, conseguiron poñer a salvo a moitos pasaxeiros.

Por fin, ás dúas e media da tarde do sábado foi rescatado o último home sobre o Veronese, o capitán Turner. «Foi a miña primeira experiencia nun naufraxio e desexo que sexa a última», declarou. Foron máis de tres xornadas que quedaron marcadas na memoria dos seus protagonistas e dos habitantes desta rexión. A heroicidade dos mariñeiros do Cego do Maio aínda é lembrada nun pequeno museo, do que podemos apreciar o seu contido no seguinte video.

O salvamento heróico do ‘Veronese’
(Jornal de Notícias, 09/02/2013) 

Os náufragos perdérono todo. Algúns chegaron nus á praia. A meirande parte, co posto. Moitos morreron afogados, outros por golpes e feridas, algúns poucos da fame vivida a bordo, e outros, simplemente, non apareceron. Morreron unhas 40 persoas3. Hoxe no lugar do sinistro xa non existe o faro da Boa Nova e no seu lugar elévase un miradoiro. Ao seu carón hai unha capeliña e un modesto edificio deseñado polo arquitecto Álvaro Siza Vieira, unha apracible casa de té chamada da Boa Nova. E do pecio do Veronese non queda resto algún, xa que o venderon ao peso anos despois. A traxedia mesmo fixo exclamar ao redactor dun xornal coruñés: «desde hai vinte anos, exceptuando o caso do Titanic, non se lembra perda igual no mesmo día»6. Pronto chegaría a Primeira Guerra Mundial (PGM) e os mares enchéronse de novos pecios, e milleiros deixaron no fondo deles as súas vidas.


Rapaz rescatado do naufraxio do Veronese 
(Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, 2013)

O destino de Juan Varela e os restos da súa familia a partir dese momento énos descoñecida. Coidamos que, finalmente, chegarían á Arxentina. Pero, sobre a súa sorte, nada máis soubemos. Aínda.


Notas:
1. Sobre esta compañía navieira, recomendamos a consulta da páxina web S.S. Maritime, de onde extraemos diversos datos sobre o paquebote Veronese.
2. Na páxina web Old Mersey Times contense unha listaxe incompleta dos tripulantes.
3. Maria José Cunha e Rui Cunha publicaron o 24/03/2016 un interesante traballo no seu blog Porto, de Agostinho Rebelo da Costa aos nossos días que titularon “Matosinhos, Leixões, Leça da Palmeira – VIII” no que relatan a traxedia do Veronese.
4. Na Cinemateca Digital, dentro da páxina web da Cinemateca Portuguesa, inclúese o video desta filmación, que recomendamos, así como a ficha na base de datos da iMBd.
5. Sobre a heroicidade dos tripulantes do Cego do Maio remitimos ao folleto conmemorativo publicado pola Câmara Municipal de Póvoa do Varzim en xaneiro de 2013.
6. Para redactar este artigo tomamos novas extraídas de diversos xornais, entre eles os seguintes: Noticiero de Vigo (17/01/1906, 27/01/1911, 25/02/1911, 15/04/1911, 19/09/1911, 03/01/1913, 14/01/1913, 17/01/1913, 18/01/1913, 19/01/1913, 21/01/1913), El Diario de Pontevedra (12/09/1907, 17/01/1913, 18/01/1913), El Norte de Galicia, de Lugo (21/09/1907), El Eco de Galicia, da Coruña (22/09/1909, 17/01/1913, 18/01/1913, 19/01/1913, 21/01/1913), El Correo de Galicia, de Santiago (17/12/1909, 21/01/1913), El Tea, de Ponteareas (14/01/1911, 15/04/1911), El Correo Gallego, de Ferrol (17/01/1913), El Progreso, de Pontevedra (17/01/1913), Diario de Galicia, de Santiago (18/01/1913), La Correspondencia Gallega, de Pontevedra (18/01/1913), ABC, de Madrid (19/01/1913), Gaceta de Galicia, de Santiago (19/01/1913, 21/01/1913), La Voz de Galicia, da Coruña (20/01/1913, 21/01/1913, 23/01/1913), A Póvoa de Varzim (26/01/1913) e Blanco y Negro, de Madrid (26/01/1913). 





  

2 comentarios: